domingo, 13 de febrero de 2011

DO CAFÉ GUERBOIS ATE O VOLTER


Cartel orixinal de O´Volter, de Acisclo Manzano Foto: Jose L. Guede

O realismo foi un estilo artístico que deixou constancia da sociedade do XIX. Dende os ambientes burgueses máis selectos ata o mundo do proletariado e do campesiñado. A ledicia do vivir fronte ás debilidades e miserias do home, e da muller, daqueles anos.

A rixidez da sociedade marcaba tamén ao mundo creativo dos artistas. A Academia das Belas Artes ditaba os cánones e filtraba aos artististas que podían expoñer de forma oficial no chamado Salón dos Pintores. A mediados do XIX, Napoleón III impulsaría estos salóns que acollerían a pintores sometidos á normativa da Academia en canto á temática ou á técnica. Os demáis, os reaccionarios ou innovadores, que rompías coa ríxida normativa academicista, para eles, as portas das exposicións oficiais estaban pechadas.

Lembreime daquela do Café Guerbois, aberto cara o 1863. Un pequeno café parisino que de día era un dos moitos establecementos nos que se servían menús do día e bebidas e que a medida que se achegaba a noite, convertíase nun espazo de encontro de artistas que tiñan como nexo de unión a admiración da obra de Edouard Manet. Poderíamos dicir que Manet foi o nexo de unión, e ao seu redor Cézanne, Renoir, Pissarro, Sisley, Degas ou Monet. Tamén había escritores como Emile Zola ou o fotógrafo Félix Nadar, entre outros moitos persoeiros do París de mediados do XIX. Ao anoiecer era o momento dos debates e as discusións.

Café Guerbois, Manet

Este grupo de artistas celebraron no 1874 unha exposición independente, "paralela" á oficial academicista. Foi no estudo do fotógrafo Nadar. Alí expuxeron, Renoir, Monet, Degas, Sisley, Pissarro e Cézanne. Daquel estudo saíu a expresión, " a exposición dos impresionistas" atribuída a un periodista chamado Louis Leroy para destacar o desinterese destes artistas polos medios de expresión tradicionais empregados na pintura. A obra que etiqueta a este estilo foi Impresión sol nacente de Monet.

Impresión, sol nacente. Monet

En Ourense foi ben coñecido o bar do Tucho ou O´Volter, o noso particular Café Guerbois, pero non no Montmartre parisino senon na praza medieval do Eirociño dos Cabaleiros. Dende os anos 60 do s. XX foi punto de encontro dos nosos propios vangardistas, os Artistiñas.

Interior do bar Tucho. Foto: M. García Yañez
Entre estes "artistiñas", e en torno ás figuras de Vicente Risco - a modo de Manet -, Otero Pedrayo, Cuevillas ou "Xocas", os artistas ourensáns como Xaime Quessada, Acisclo Acisclo Manzano, Failde, Arturo Baltar , Manolo Buciños, Virxilio ou Xosé Luis de Dios, encheron horas de tertulia e dalgún que outro grolo de viño. Foi Risco precisamente quen lle deu o alcume de "Artistiñas" aos mozos vangardistas ourensáns e tamén chamoulle O´Volter ao bar do Tucho en lembranza do Cabaret Voltaire en Zurich, o lugar onde se orixina o movemento do Dadaísmo (verémolo coa arte do s. XX). En definitiva, lugar de encontro, de tertulia, de innovación, auténtico taller de ideas e xerme prolífico da cultura ourensá. Mágoa que non se poidese conservar un anaco da historia que vai moito máis alá do local. Cecáis tan só o cartel que o Tucho luciría orgulloso sexa o derradeiro resquicio material do que nun tempo foi universo cultural da vangarda ourensá.

Os "artistiñas" comezando pola esquerda, Quessada, de Dios e Acisclo con Risco de fondo, no bar Tucho. Foto: Mani Moretón

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER