lunes, 18 de abril de 2011

OS GRANDES DESCUBRIMENTOS


Da viaxe a Lisboa aproveitei para lembrar algúns datos históricos da propia cidade coma dos lugares e monumentos máis destacados. Un destes monumentos está relacioado co tema que temos en marcha en 2º, o dos grandes descubrimentos.


Á dereita Enrique o Navegante portando unha carabela mira cara ao horizonte.

O Humanismo no s.XIV xa dera un grande impulso ao coñecemento baseado no antigo mundo dos gregos e romanos. O home pasa a ocupar o centro do mundo (antropocentrismo) e a imprenta foi decisiva para a difusión do saber. Por outra parte, a loita polo poder entre reis e os grupos privilexiados (nobreza e clero) vaise decantando polas monarquías que comezan nesta época a crear poderosos estados centralizados coma sucedeu en Castela cos Reis Católicos ou en Francia e Inglaterra. Son os chamados Estados Modernos cos seus exércitos e burocracia que cambiarán o mundo.

Cando desaparece o Imperio Romano de Oriente, Bizancio, no 1453 a mans dos turcos, as antigas rutas de comercio cara a Asia veranse gravemente afectadas polo que se desatou unha carreira por abrir novas rutas comerciais. Este feito levou a que os portugueses circunnavegaran África evitando así a dependencia das rutas caravaneiras terrestres.

Enrique o Navegante foi a figura máis importante na era moderna dos descubrimentos. O feito de ser o irmán do rei, fixo que acadase a financiación necesaria para levar a cabo ambiciosas empresas marítimas.
Enrique o Navegante. Fonte: wikipedia

Os descubrimentos feitos polos portugueses para bordear África levarán case un século. No 1415 conquistan Ceuta e pouco despois os arquipélagos de Açores e Madeira. As illas Canarias foron disputadas por Castela e Portugal e foi co Tratado de Alcaçobas  no 1479 cando se decantaron do lado castelán a cambio  de que as terras descobertas cara ao sur de África foran para Portugal, obtendo así o monopolio destas rutas e obrigando aos casteláns a buscar novas alternativas de chegar cara a Oriente, e para iso tiñan que vencer entre outras cuestións as lendas medievais.

No 1434 os navegantes portugueses logran dobrar o Cabo Boxador e no 1444 chegan a Cabo Verde. Pero foi no 1488 cando Bartolomé Días chega ata o Cabo das Tormentas (Cabo de Boa Esperanza) e marcaría a ruta que finalmente completaría Vasco da Gama no 1498 ao circunnavegar África e chegar ata a India.

Posesións portuguesas. Fonte: wikipedia

Para conmemorar a importancia dos portugueses nos descubrimentos, Salazar encargou a obra para a Exposición do Mundo Portugués no 1940 e posteriormente desmontado no 1958. O actual monumento con forma de caravela e con 33 figuras relacioadas cos descubrimentos directa ou indirectametne inaugurouse o 9 de agosto do 1960 dentro das conmemoracións realizadas co gallo do V centenario do pasamento do Infante Enrique.
Monumento aos Descubrimentos Foto: wikipedia
Na proa Enrique o Navegante mira cara ao horizonte portando unha carabela nas súas mans. O resto dos persoaxes os podedes localizar nas imaxes seguintes:


(1) Infante Don Pedro fillo de Don Xoan I. (2) Dona Filipa de Lencastre nai de Enrique o Navegante. (3) Fernando Mendes Pinto, escritor. (4) Frei Gonzalo de Carvallo, dominico. (5) Frei Enrique Carvallo, franciscano. (6) Luis Vaz de Camoes, poeta. (7) Nuno Gonçalves, pintor. (8) Gomes Eanes de Zurara, cronista. (9) Pedro da Covilha, viaxeiro. (10) Jácome de Maiorca, cosmógrafo. (11) Pero Escobar, piloto. (12) Pedro Nunes, matemático. (13) Pedro de Alenquer, piloto. (14) Gil Eanes, navegante. (15) Xoan Gonçalves Zarco, navegante. (16) Infante Don Fernando, fillo do rei Juan I. (17) Infante Enrique o Navegante.


(18) Don Afonso V, rei. (19) Vasco da Gama, navegante. (20) Afonso de Baldaia, navegante. (21) Pedro Álvares Cabral, navegante. (22) Fernando de Magalláns, navegante. (23) Nicolau Coelho, navegante. (24) Gaspar Corte Real, navegante. (25) Martím Afonso de Sousa, navegante. (26) Xoan de Barros, escritor. (27) Esteban da Gama, capitán. (28) Bartolomé Días, navegante. (29) Diogo Cao, navegante. (30) Antonio Abreu, navegante. (31) Afonso de Albuquerque, gobernador. (32) Francisco Xavier, misioneiro. (33) Cristovao da Gama, capitán.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER