domingo, 30 de octubre de 2011

O VOLCÁN DE MONTE ALEGRE

Andivemos estos días debatindo a teoría da deriva continental, a teoría das placas tectónicas e posteriormente sobre os axentes de formación do relevo. Entre os axentes internos destacamos os volcáns e seísmos (terremotosmaremotos). Comentamos o recentemente acontecido na  illa do Ferro co nacemento dun novo volcán submariño, o  terremoto de Van (Turquía) ou o de Lorca (Murcia). Tamén xurdíu entre un dos compañeiros a cuestión do "volcán de Monte Alegre" en Ourense e a súa vinculación ás fontes das Burgas.

Como sabedes, non hai un criterio uniforme entre os estudosos sobre a orixe do nome da cidade, aínda que a teoría que máis se aproxima é á que fai referencia ao ouro (aurum). Nembargantes, Otero Pedrayo apuntaba a orixe do topónimo cara a "wurm see", lagoa quente. Durante anos, e aínda hoxe polo que vín na clase, barallouse a posibilidade da existencia dun volcán agochado baixo o Monte Alegre. Nada máis lonxe da realidade.

Fotomotaxe CvA

Galicia non é terra de volcáns, pero teño noticias en Galicia sobre a orixe volcánica e rocas volcánicas da zona da Serra da Capelada en Ortigueira e tamén en Espasante (Ortigueira - A Coruña). Dende o cabo Ortegal atópanse os relevos máis antigos non só da península senon tamén de Europa.  Tamén quixera destacar brevemente, que a poucos kilómetros do cabo Ortegal atópase o mirador de vixía de Herbeira, dende alí poderedes apreciar as maravillosas vistas. É o cuarto acantilado máis alto de Europa e un dos máis altos do mundo! (Premendo no enlace accederedes á vista panorámica do mirador.)

En Ourense nada de volcáns, lenda popular en definitiva. Tentaremos profundar na resposta que comentamos brevemente na aula ante a dúbida plantexada.

¿Cal é, pois, a procedencia das augas das Burgas? Os estudos aseguran que a meirande parte das augas termais galegas proceden da auga da chuvia. As de Ourense tamén. Esta auga fíltrase a través das fallas e chegan ata un foco térmico. Ata que a auga volve á superficie o ciclo pode tardar entre 28-30 anos, polo que a auga que caeu por fin a semana pasada, a derradeira do mes de outubro do 2011, volverá aos caños das Burgas entre o 2039-2041.

Para achegar máis información imos á veb de Manuel Domínguez, canedo.eu, concretamente ao apartado que fai referencia á procedencia das augas das Burgas. Preme no enlace para acceder e despois responde ás seguintes cuestións:
  • Segundo a lenda popular onde se agochaban as fontes mananciais das augas das Burgas?
  • Que significa: "os movementos oroxénicos foron quen de producir fallas"? (oroxénese, falla)
  • Que é o gradiente xeotérmico e cal é a súa relación coa temperatura da auga das Burgas?
  • Cal é a temperatura á que sae a auga? Saberías dicir cántos litros bota por minuto?
  • Coa información que recompilaches, fai un debuxo cun corte transversal no que se vexa a falla da Burga e as fontes termais.
  • Seguindo en canedo.eu, achega neste enlace os principais mananciais urbanos en Ourense e sitúaos en scribblemaps. Se temos dificultades, Manuel Domínguez xa ten feito o traballo e nos pode servir de guía. Preme na imaxe para acceder.
Mananciais de auga quente. Fonte da imaxe: Manuel Domínguez en canedo.eu

A seguinte animación flash axudaranos a comprender mellor o tema dos volcáns.


Animación obtida da BBC.

Para profundar sobre os volcáns

2 COMENTARIOS:

Vero dijo...

Menuda aula máis interesante¡¡ En efecto na fermosa Serra da Capelada atopamos rocas de orixe volcánica nas paredes acantiladas moi fáciles de extraer, eu teño algunha se queredes velas, sobre todo Serpentinitas.Presentan un gran metamorfismo porque se formaron na prufundidade oceanica, teñen un alto grado de toxicidade dende o punto de vista botánico, o que fixo que as plantas tiveran que adaptarse provocando a apricion de numerosos endemismos exclusivos desta serra.

Un lugar moi interesante para unha saída de campo, ou para unha visita de fin de semana :)

Jose Luis Guede Losada dijo...

Como se nota que eres unha experta en xeografía. Juan coa parte de xeología disfrutaría no laboratorio e moito máis in situ, eu tamén dende logo. Dende Cariño ata Mugardos daba para unha boa xornada. Mágoa que non nos quede máis a mao, pero é unha visita máis que recomendada.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER