sábado, 1 de octubre de 2011

TRASEIRA DAS BURGAS IV

A piques estará de inaugurarse unha nova fase de actuación no entorno das Burgas. Supoño que a piques debido ao ritmo de traballo que se está a levar nestas últimas semanas.

Nunha primeira fase vimos como a piscina termal urbana copaba un espazo que pasou de ser público a privado, deixando visualmente case orfas as réplicas das aras e o mural de bronce e pedra Calpurnia Abana de Acisclo Manzano. Era habitual que tivésemos unha clase fóra da clase, é dicir, unha clase fóra do espazo físico delimitado polas catro paredes da aula. Nela aproveitábamos para ver in situ as réplicas das aras votivas do pequeno xardín da Burga de Arriba, o relevo Calpurnia Abana de Acisclo Manzano que dende o 1989 adorna o muro norte da Burga do Medio ao carón dunha pequena piscina ou estanque con escalinata e que só poderemos ver previo pago e en remollo ou a varios metros de distancia. Tamén, aínda que fóra do currículo para o nivel de 1º ou 2º da ESO, unha escultura abstracta en aceiro "cortén" A Casa da Nube do finado escultor Luis Borrajo e que hoxe elevouse nun pedestal

Fotos. José Luis Guede, excepto a primeira pola esquerda de Jerónimo Pérez?

A traseira das Burgas, dunha zoa chea de maleza e esquecida durante décadas, séculos, qué sei eu, ao fin foi tomando forma coma nunha lenta metamorofose. Lonxe, eso sí, do proxecto inicial que o arquitecto galego César Portela ideou para este recuncho. As dificultades que foron xurdindo cos particulares, coas diferentes cores políticas e sobre todo pola falla de presposto, deixa inacabado o Centro de Interpretación Arqueolóxica entre outros asuntos. Como nota curiosa, este proxecto non figura na web persoal do arquitecto www.cesarportela.com.

Un momento das obras no mes de febreiro do 2011 unha vez realizadas as catas arqueolóxicas. Foto: José L. Guede
A mesma zoa o 12 de setembro do 2011. Foto: José L. Guede

Vexamos a que corresponde cada área.


O exterior é ben coñecido. A zoa dos xardíns e a nova piscina termal urbana leva xa uns meses aberta. Desta primeira zoa comentarei noutro post algunha opinión ao respecto máis en profundidade de cómo quedou a escultura "A casa da nube", o relevo "Calpurnia Abana" e as réplicas das aras, sitas na Burga de Arriba.

Entremos e vexamos:

Entrada pola Burga de Arriba

Unha vez no interior e á esquerda, temos a Casa dos Fornos, lugar onde supostamente iría o Centro de Interpretación Arqueolóxica. Nesta zoa apareceu unha piscina con escalinata, restos dun muro romano do s.I d.C. e varias aras votivas ao deus indíxena Reve Anabaraeco. Supostamente, tal e como afirman os arqueólogos e como xa avancei nun post anterior, escondería un templo adicado a esta deidade. Non está clara esta afirmación, pero a cantidade de aras descubertas e atoparnos nuha zoa cultual-termal invítanos a soñar. Son agora os propios arquólogos os que fan tal suposición. Agardemos pois.

Contención da Casa dos Fornos. Piscina monumental do s.I d.C., e escalinata.

Estas piscinas foron abandoadas no s.I segundo indican os restos doutra construcción do s.II, un edificio ou unha sala doméstica adicada ao baño medicinal, sendo abandoados definitivamente cara ao s.IV ou comezos do s.V ao atopar os arquólogos restos dunha calzada sobre o antigo camiño romano empregado polos peregrinos para chegar a estas zoas termais. A este percorrido coñécese como Camiño da Raíña Santa.

Restos do muro romano do s.I

Deixamos esta zona, todavía en obras, e adentrámonos cara a praza interior. Non sen antes ollar á dereita un mirador e algúns dos restos romanos e medievais atopados.

Mirador

Comezamos a subir un pequeno camiño que nos leva ao patio interior, á zoa da traseira de Cervantes e Villar.

Patio Interior
Cara á esquerda, unha terraza con mesa e bancos, un pozo e á dereita baixando por un pequeno camiño lindando xa co muro leste do colexio das Josefinas, un hipocausto e tamén un muro romano.

Terraza tras Cervantes e Villar

Hipocausto e muro romano cuberto para conservación ao estar en obras nesta zona.
Queda pendente unha última fase que correspondería coa zoa marcada en azul do mapa e que daría saída (ou entrada) dende a rúa do Baño a este boulevard peatonal que ten intención de abrir durante o día e pechar pola noite para evitar actos vandálicos. Por desgraza a nosa educación lévanos a optar pola política do candado e pechar todo aquelo de valor para preservalo dos posibles destrozos. Seguramnete non é a mellor política e sí seguir apostando polo respecto ao patrimonio e penalizar duramente aos que causen males se son maiores e ás familias se son menores. Educar na liberdade e responsabilidade conleva asumir que os actos teñen consecuencias, en ocasión positivas e noutras negativas.

Agora quedaría "limpar" a traseira da traseira das Burgas, ese barrio chino sen chinos que non é de recibo nunha zoa turística e máis estando preto dun centro educativo.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER