viernes, 25 de noviembre de 2011

DIEVCM: A VIAXE DE CONCEPCIÓN ARENAL

¿Que quere dicir DIEVCM? Non é unha epigrafía pero ben podería ser. Explícovos. Alá polo ano 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas fixaba o 25 de novembro, data proposta pola República Dominicana, como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (DIEVCM). O por qué desta data podédelo atopar na súa historia en wikipedia ou ampliar neste enlace.

O 25 de novembro xunto ao día 8 de marzo, Día da Muller, son as dúas xornadas escollidas para concienciarnos e sensibilizarnos dun xeito especial de que unha sociedade sen discriminacións por xénero é cada vez máis posible, pero que precisa seguir dando pasos.



Quixera destacar nesta xornada de hoxe a unha galega, defensora dos dereitos da muller e iniciadora do feminismo, penalista e autora dunha importante obra literaria como é Concepción Arenal (Ferrol 1820 - Vigo 1893). A súa biografía en wikipedia e tamén no video da serie documental Mulleres na historia emitida pola TVE que vos recomendo.

Concepción Arenal

Destacar como curiosidade, nalgunha ocasión volo teño comentado, que cara ao ano 1841 acudía como oínte ás clases da Facultade de Dereito da Universidade Complutense de Madrid vestida coma os homes. A muller non tiña ese dereito. Dende moi antigo o acceso á educación e á información foille negada ás mulleres.

Concepción Arenal
Os seus ollos non viron ese dereito á formación nen o dereito ao voto feminino en España. A primeira muller universitaria foi a viscaína María Goiry quen tivo que solicitar un permiso especial para matricularse na Faculdade de Filosofía e Letras. Foi a primeira muller española en obter titulación universitaria no ano 1896. Tamén foi a primeira muller en obter un doutorado no 1909.


María Goiry e o seu esposo Ramón Menéndez Pidal en plena lúa de  mel.

Non será ata que un 8 de marzo do 1910 unha Real Orde autorice con plenas garantías ás mulleres o ensino universitario e, posteriormente, nun 1 de outubro do 1931 aprobaríase o sufraxio feminino nas Cortes españolas, grazas á dura loita de Clara Campoamor nun mundo eminentemente masculino. Comentar que durante o réxime franquista suprímese o dereito ao voto e a partir do 1947 e ata o 1977, eran únicamente os cabezas de familia (varóns) os que tiñan a posibilidade de sufraxio, sen nengún tipo de garantías legais e democráticas evidentemente. Será Adolfo Suárez quen restaure este dereito ata hoxe.

Clara Campoamor


Na nosa cidade rendimos a nosa particular homenaxe a Concepción Arenal. Podemos ver a súa estatua na actual praza que leva o seu nome. Os datos técnicos da obra atoparédelos neste enlace.

David Simón no seu blog diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com ofrécenos uns datos a ter en conta:
  • Que abogados progresistas inicaron o proxecto de erixir unha estatua a Concepción Arenal?
  • Cal foi o primeiro emprazamento que designou o Concello?
  • Quen son os artistas ourensáns que colaboran na realización do monumento?
Algunha destas cuestións e a información ofrecida nos enlaces anteriores axudaranvos a dar resposta a algunha das cuestións plantexadas na entrada de antes de onte.

O autor do bronce é o escultor segoviano Aniceto Marinas, autor entre outro do Velázquez que nos recibe no Museo do Prado. Máis obras deste autor en wikimedia.

Foto Concepción Arenal: Pablo Gómez                                                                           Foto Velázquex: Wikipedia                     

Veredes de seguido algunhas das postais do Ourense antigo. No blog de Rafa Salgado  , amósanos algunhas das postais históricas deste monumento e os editores das mesmas, datadas a finais do XIX e principios do XX. Ide a ourensenotempo.blogspot.com.


Nestos xardíns que levaron o nome de Concepción Arenal atopábase un kiosko de ladrillo cara á vista de estilo neomudéxar. Era propiedade de Don Vicente Miranda. Foi construído no XIX e posteriormente queimado durante os anos da guerra civil. Ergueríase novamente, pero xa dun xeito máis sinxelo, preto da actual praza de Abastos. Alí, no seu negocio, morrería Don Vicente.

Kiosko de Don Vicente Miranda en primeiro plano á dereita. Á esquerda o monumento a Concepción Arenal e unha vista dos xardíns.

Carmen Benso e Rosa María Cid veñen de publicar a principios deste ano os resultados da súa investigación sobre o papel da muller ourensá nas primeiras décadas do s.XX nun libro titulado Entre a tradición e o cambio en Galicia . Ver noticias do acto en ourensenotempo ou no Faro de Vigo dixital.

Precisamente Rosa María Cid no seu blog mulleresourensas.blogspot.com recolle máis de 300 entradas con referencias ás mulleres ourensás que destacan en diferentes facetas persoais, profesionais e de relevancia para a historia non escrita ata agora do papel relevante que ten xogado a muller galega na nosa sociedade.

O monumento a Concepción Arenal cambiou de ubicación nos mesmos xardíns do Bispo Cesáreo en varias ocasións ata chegar ao seu actual emprazamento no 1969.

Praza de Concepción Arenal. Foto: Chusypa en Panoramio

Unha pesquisa moi doada. Ollade á seguinte imaxe de abaixo e respondede nos comentarios á pregunta.

¿Saberías localizar estas pezas do conxunto monumental a Concepción Arenal e que hoxe adornan un xardín nas inmediacións do Colexio?

PROPOSTA DE TRABALLO.

FAI UNHA ENTREVISTA IMAXINARIA A UNHA MULLER QUE TI CONSIDERES IMPORTANTE PARA A HISTORIA LOCAL OU UNIVERSAL


0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER