domingo, 30 de diciembre de 2012

5 CLAVES PARA A REFLEXIÓN DOCENTE


Estamos inmersos nun profundo debate educativo. Formamos parte dunha xeración dentro da historia da humanidade que está a vivir un cambio de ciclo, de era ou de mentalidade. Vivimos, os educadores, un momento de incertidume pero ao mesmo tempo un momento máxico, cecáis o mellor momento para o ensino. Unha das claves é recuperar a paixón pola docencia e aportar solucións, máis que críticas ou queixas constantes que nos fan caer no desánimo. A peor derrota que pode sufrir un mestre é a perda da paixón pola ensinanza, polos nenos e nenas, ou facer da súa profesión unha rutina. Un dos instrumentos que teño integrado á avaliación é a miña propia autoavaliación, a cal precisa dun contraste que ten que ser necesariamente o meu alumnado, porque para eles é a quen vai dirixida a miña acción docente. Paso algúns cuestionarios e tamén emprego o debate onde queda claro que as opinións poden ser ou non compartidas pero son respetadas, sempre dentro do marco do respecto mútuo. Non debemos esquecer que o proceso ensino-aprendizaxe é unha viaxe de ida e volta. Non só avaliamos ao alumnado, tamén nós necesitamos dunha profunda avaliación e moitas das pautas de mellora que teño introducidas coma mestre viñeron do propio alumnado.

Algunhas claves para esa reflexión:


1.- ¿Escoitas con certa frecuencia ao teu alumnado dicir que non lles gusta a escola ou non lles apaixoa a túa materia?
Foto doisneau43

Os nenos dende que nacen están aprendendo. Non se pode, por tanto, negar a que un neno aprenda. Se din que non lles gusta a escola ou a materia que impartes ¿parácheste a pensar que hai algo que non funciona ou que non encaixa coas súas expectativas? Debería xerar un amplo debate o feito que os nenos e nenas cando entran en infantil e os primeiros anos da educación Primaria desexan ir á escola pero a medida que van medrando a distancia entre alumnado e escola faise demasiado longa, en ocasións tan insalvable que condea a máis dun cuarto dos escolares ao fracaso. A clave é unha escoita atenta ás razóns que esgrimen. Tamén unha escoita activa por parte dos responsables políticos que dende as súas torres de marfíl redactan unhas leis que en ocasións se fan sen contar cos profesionais do ensino. Esto, sen embargo, non nos pode servir de excusa ou desmotivación, se en realidade da túa profesión fixeches a túa vocación, poderás contribuír a unha mellor calidade do ensino. Pode que necesitemos un cambio ¿verdade?. Transfórmate.

2.- ¿Cústalle ao teu alumnado interactuar contigo?


¿Favoreces un clima de diálogo na aula ou todavía segues a dar grandes monólogos que non teñen en conta os intereses do teu alumnado? Nunha clase tradicional o mestre fala, a parte activa, e o alumnado escoita, a parte pasiva. En ocasións o profesorado está separado do alumnado encaramado enriba dunha tarima, un lugar superior que remarca as diferencias e reforza a posición de domino e control, de autoridade imposta, non outorgada. O alumnado non sabe cara a onde vai, simplemente déixase ir porque os obxectivos só os ten claros o profesorado. Quen máis aprende, por regra xeral é o propio mestre porque acaba por asumir as actitudes que lle corresponden ao alumnado. Sen dúbida, para comezar, unha dose de intelixencia emocional é necesaria. Deixa ao alumnado que sexa partícipe dos obxectivos e as metas a acadar. O alumnado debe saber cara a onde se dirixe, cal e o sentido e a finalidade da súa actividade na aula.

3.- ¿Cansas ao alumnado con longas tarefas para casa e a menudo pouco motivantes?

Non penses que as tarefas en tódolos casos axudan a reforzar os contidos, en ocasións contribúe a cansar ao alumnado e que colaboren ao rexeitamento cara á materia. Trátase de que as tarefas sexan adaptadas a cada alumno e alumna e sirvan para adquirir hábitos de estudo e traballo diario pero non para prolongar o horario lectivo na casa. Non podemos agobiar ao alumnado. En moitas ocasións os máis responsables asumen estas tarefas e síntense castigados, mentres aqueles para os que van especialemente dirixidas, en ocasións veñen con elas a medio facer, mal feitas ou simplemente non as traen. Por un lado non cumplimos o obxectivo dos deberes e por outra desmotivamos con tarea extra a aqueles que sí asumen as súas responsabilidades. Os deberes, no caso de que os houbese, deben ser personalizados e adaptados a cada necesidade.

4.- ¿Empregas con certa frecuencia a frase "prestade atención"?
Foto ANVrecife

Se dúbida tes un grave problema de control, non eres interesante e por riba quedas a deber. Pedir prestado algo ten como inconvinte que hay que devolvelo, e en ocasións, con intereses. Plantexácheste nalgunha ocasión que poida que non lle parezas o suficientemente interesante ao teu alumnado ou o que contas e forma na que o fas non conecte. Está claro que non estás en sintonía. Unha das claves é ser interesante, coma un pavo real que se exhibe para captar a atención. Cando entres na sala de clase tí es o protagonista. Es un gran contador de historias que enganchan á audiencia, lembrádevos do profesor Tamariz. Evita as rutinas e sorprende. Moito mellor é a expresión inglesa que dí "pay attention", serán eles e elas os que acaben pagando pola atención, ese é o gran reto.

5.- ¿Segues a pensar que calquera tempo pasado foi mellor?

Non te lamentes nen sintas morriña dos tempos pasados. Non o dubides, calquera tempo pasado foi peor. Estamos no mellor momento para o ensino, cheo de posibilidades que non podemos nen debemos desaproveitar. O que sempre fixemos danos seguridade por eso sair da zoa de confort é arriscado e danos medo, pero é unha aventura que merece a pena ser vivida. Non precisamos cambiar de xeito radical senon comezar con pequenos pasos. Dicía o doutor Gregorio Marañón que "vivir no é só existir, senon existir e crear, saber gozar e sufrir e non durmir sen soñar. Descansar, é comezar a morrer." Non morramos coma mestres.

domingo, 16 de diciembre de 2012

OURENSE NA GUERRA DA INDEPENDENCIA


Ponte de Sobradelo. Imaxe: enlace

No mes de xaneiro do 2013 cumpliranse 204 anos da entrada do exército francés na provincia de Ourense. Propóñovos adentrarnos nesta etapa da historia xeral e da nosa en particular.

PROBLEMA

Somos un grupo de reporteiros no ano 1809. Temos que deixar constancia do que está a suceder no ámbito local, nacional e internacional. Precisaremos equipos de traballo no que se deberán repartir os seguintes cargos: redactor das noticias locais e autonómicas, redactor das noticias nacionais, redactor das noticias internacionais, fotógrafo e maquetador. Teremos que recompilar datos sobre a Guerra da Independencia Española, con referencias concretas á provincia de Ourense e a Galicia, sen esquecernos de aportar información de ámbito nacional e internacional.

PROCESO



Dividirémonos en grupos de 5 membros e achegaremos noticias sobre os seguintes puntos da Guerra da Independencia:

- ¿Por que aparece o conflicto? 
- ¿Cal son os estados belixerantes? 
- Principais protagonistas. 
- Quen foi a nosa "Agustina de Aragón" particular de Ourense. 
- O desenvolvemento da guerra en España, Galicia e Ourense. 
- Principais aspectos da guerra: as guerrillas. 
- Consecuencias da Guerra da Independencia en Ourense e Galicia.

TAREFA



Elaborar un diario sobre a Guerra da Independencia en papel formato DIN A2 ou ben un periódico dixital.

Unha vez teñamos os contidos redactados, deberanse incluir imaxes que sirvan de soporte visual e deseñar a portada do periódico adicada monográficamente ao tema do título proposto. Unha suxestión que vos fago é que olledes ás portadas da prensa diaria cando hai un acontecemento realmente importante e o tratamento que recibe nas mesmas. Este tamén o foi no seu momento.


RECURSOS


Enlaces que poden ser de interés:

Sobre a Guerra da Independencia http://es.wikipedia.org/wiki/Guerra_de_la_Independencia_Espa%C3%B1ola

Artículos da Guerra da Independencia
http://es.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:Guerra_de_la_Independencia_Espa%C3%B1ola

1808-1814
http://www.1808-1814.org/

A reconquista de Vigo
http://vimeo.com/4711810

A Guerra en Xinzo e Allariz
http://www.1808-1814.org/frames/framcola.html

A guerra no Barco de Valdeorras
http://www.albergueria.es/sigloxix.htm

A derrota galega de Napoleón
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/05/28/4812799.shtml?idioma=galego

Cartas entre Extremadura e Galicia
http://www.cronistadebetanzos.com/trabajos/badajoz.pdf

Máis sobre a Guerra
http://enlamemoria.iespana.es/Independencia/indep1.htm

A Guerra no Morrazo
http://moana.servidores.net/libros/reconquista.txt

Cronoloxía da Guerra - http://www.forohistoria.com/cronologia.html

Agustina de Aragón
http://www.forohistoria.com/tebeos/agustinadearagon.pdf

Máis tebeos sobre a Guerra
http://www.forohistoria.com/tebeos.html

Diario de Cádiz
http://www.forohistoria.com/prensa/diariodecadiz.pdf
AVALIACIÓN
http://t2.gstatic.com/images?q=tbn:ANd9GcRVD_XeVDSQcW2iMdJ58BsfRUkxpDQip3eInIgHQekEWPu41yRIUMPtBALHMA

Para avaliar o resultado final terase en conta tanto o traballo individual (TI) coma colectivo (TC).

BAIXO (1-2 Ptos) TI - Escasa achega de información. Mala presentación e baixa colaboración e participación co grupo. TC - Escasa coordinación do traballo entre os membros do grupo. Resultado final pobre.

REGULAR (3 Ptos) TI - Achega información de forma errónea. poca colaboración co grupo. TC - Algún membro non participa e coopera como debera perxudicando ao bo rendemento do grupo.

BO - (4 Ptos) TI - Achega información correcta pero é escasa. TC - Boa organización e cooperación entre os membros do grupo, pero o resultado final non é suficientemente claro.

MOI BO - (5 Ptos) TI - Achega a información correcta, ben presentada e organizada. Amplia e concisa. TC - Moi boa organización e cooperación. Toma de decisións consensuadas e rápidas. Claridade da exposición e domino das ferramentas informáticas.
CONCLUSIÓN


Realizarase unha mesa redonda sobre o tema. Posta en común das dificuldades atopadas e as solucións que se deron á hora de elaborar o traballo. Resumir o proceso e a propia avaliación do traballo.  Os traballos exporanse na aula ou serán publicados no blog.

sábado, 15 de diciembre de 2012

CICLO DA AUGA CON GO ANIMATE

Entre as actividades que fixemos relacionadas co ciclo da auga ofrézovos este Go Animate realizado por Alicia de 1ºB.




lunes, 10 de diciembre de 2012

A MAN OU A MÁQUINA: MAPAS MENTAIS


Tony Buzan é o gran impulsor da técnica dos mapas mentais no ámbito educativo.



Os mapas mentais son representacións gráficas do pensamento que nos permitite organizar as ideas de forma visual. Segundo Buzan o noso cerebro asocia as ideas de forma ramificada, coma unha árbore ou como o plano do casco histórico de Ourense. Vexamos.

Presta atención ao plano da cidade de Ourense na imaxe inferior. Olla á Praza Maior e ás rúas que converxen nela. ¿Que conclusión podes sacar?

Imaxe José Luis Guede

A Praza Maior sería a idea central e as rúas que nos levan a ela as ideas principais, do mesmo xeito que acontece nun mapa mental. Por tanto un mapa mental é un diagrama ou representación de ideas dispostas radialmente a partir dun concepto central.

Algunhas suxestión para a elaboración de mapas mentais:

  • Colocar o papel en sentido apaisado.
  • Acompañar á idea central dunha imaxe representativa.
  • Ideas secundarias no sentido das agullas do reloxio.
  • Empregar cores diferentes.
  • Asociar imaxes e palabras claves.
  • Empregar maiúsculas sobre os conectores.
  • Unha imaxe ou símbolo por cada idea.
  • Emprega a creatividade (diferentes estilos, cores, imaxes, tamaños, frechas, símbolos, etc).
Para unha maior información este manual de Tony Buzan pode ser de axuda.



Os mapas mentais cos que xa estades a traballar podedes realizalos "a man ou a máquina". Para a segunda opción recoméndovos alguns sitios que poden ser do voso interés:

BUBBL.US



É unha ferramenta de rexistro gratuito que permite crear mapas mentais sen iniciar a sesión e gardar o resultado en formato de arquivo de imaxe (.jpeg ou .png). Moi intiuitivo


MAPMYSELF
Ferramenta online para crear mapas mentais. Ten gran parecido á ferramenta de Buzan iMindMap. Pode xerar algo de confusión inicial, está en inglés, pero finalmente os resultados que obtemos son espectaculares. Ten unha pega importante, que a meirande parte das opcións están reservadas para a conta premium que é, por suposto, de pago. Aínda así, pódense realizar mapas sinxelos e logo completalos xa que permite capturar o traballo realizado e gardalo como formato de imaxe.

SPIDERSCRIBE

Apliación para conectar ideas en flash e que permite traballar colaborativamente. Os enlaces poden ser palabras ou ficheiros con distintos tipos de arquivos (imaxes, sons, etc). Permite bastante liberdade á hora de conectar os nodos do xeito que queiramos.

FREEMIND



É un software libre para a realización dos mapas mentais que é preciso descargar. No seguinte enlace atoparedes información de interés que vos axudará con esta ferramenta.

MIND42.COM



De rexistro gratuito, permite a creación de mapas intuitivos e sinxelos.

WISEMAPPING


Outra ferramenta intuitiva que che permitirá crear mapas mentais. ten a posibilidade de crear enlaces a páxinas web. Intuitivo e de fácil manexo.

Existen moitas máis opcións, pero coido que para ir empezando son máis que suficientes. O ideal é que experimentedes con elas, e atopedas aquela coa que máis cómodos vos sintades, pero lembrade que ata que dominedes esta ferramenta pasará algún tempo polo que sempre nos queda a opción "a man" para entregar os traballos no prazo previsto.

lunes, 26 de noviembre de 2012

TRASEIRA DAS BURGAS V: NA PROCURA DE IDENTIDADE

Imaxe José Luis Guede

Esta será a sexta entrada que fago relacionada coa "traseira" da Burga. Catro delas levan por título a traseira das Burgas (I, II, III e IV) e outra o Balneum das Josefinas. Nunha delas bauticei este espazo como "Praza das Termas" porque o termo de traseira non dignifica a riqueza que estos 6000 metros cadrados de excavacións arqueolóxicas nos deixan á vista case dous mil anos despois.

A inicios do século XXI, as traseiras das Burgas eran partes posteriores nun absoluto abandono. Agocharon durante séculos unha riqueza patrimonial que agora ve a luz para disfrute de tódolos ourensáns e aqueles visitates que sintan o desexo de coñecer as raíces, a urdimbre da cidade que os acolle. Unha ollada restrospectiva a este espazo en estado de abandono é a que ven deseguido:




Na actualidade esta vista ten mudado tal e como xa se observaba na seguinte imaxe:


Dende o pasado xoves 22 de novembro, a cidadanía pode achegarse a esta nova área arqeuolóxica á espera de que a negociación cos propietarios da Casa dos Fornos acaben por descubrirnos novas  evidencias que seguro cambairán moitas teses clásicas sobre a orixe da cidade.

Unha das maiores atraccións do espazo recén inaugurado é, sen dúbida, a piscina romana do s.I. Vexamos o que podemos observar neste punto. Pasando o rato por riba da imaxe obteredes información.

Foto José Luis Guede

Unha parte interesante para nós é a información que nos deixan os arqueólogos en relación ao seu traballo. Son coma uns detectives que investigan o pasado do ser humán. Se queredes saber algo máis premede neste enlace.

A estratigrafía de esta zona en concreto é a seguinte:

Foto José Luis Guede

Se nos achegamos á zoa suroeste, dende unha especie de mirador (algo incómodo por outra parte), podemos observar unha piscina cuadrangular para o baño quente(caldarium). Ao norte desta piscina atopouse un hipocausto (como o que apareceu no patio do colexio alá polo 1996, ver entrada)

Foto José Luis Guede

Comecei a entrada facendo referencia ao nome deste espazo. A miña proposta, xa presentada na Concellería de Educación como borrador de proxecto vai encamiñada a unha actividade novidosa que desenvolveremos na aula en datas próximas.

Camafeo atopado na piscina-santuario das Burgas. Imaxe MAPO

No curso pasado no Proxecto Interdisciplinar fixemos un avance do que neste curso 2012-2013 se convertirá nun apaixoante reto do que vos manterei informados a todos os que seguides o blogue. O desafío que plantexarei ao meu alumnado desenvolverase en forma de  estratexia pedagóxica ABP (Aprendizaxe Baseada na Resolución de Problemas) e a muller terá un especial protagonismo. Continuará.

sábado, 17 de noviembre de 2012

ALGÚNS FUMOS NENOS

"A infancia ten as súas propias maneiras de ver, pensar e sentir; nada hai máis insensato que substituílas polas nosas." Jean Jacques Rousseau

Algúns fumos nenos, outros non o son nen o poderán ser. En pleno século XXI os nenos e nenas seguen a ver os seus dereitos vulnerados. O vindeiro martes 20 de novembro celébrase o día internacional da infancia. Dende o ano 1954 a Asemblea Xeral da ONU recomendou a celebración deste día a tódolos países na data que decidisen (resolución 836-IX). O motivo do 20N débese a que nun 20 de novembro do ano 1959 aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno. En España esta celebración coincide co 15 de abril sendo o 20 de novembro a data internacional que escolle a ONU.

Escultura aos Dereitos da Infancia en Viena, Austria. Fonte: Wikipedia

No curso de 4º de ESO andamos inmersos no tema da Revolución Industrial. Amosounos avances no mundo agrícola, no demográfico, tecnolóxico e tamén no eido das comunicacións. Entre as múltiples consecuencias negativos que analizamos na aula,  quixera salientar o da explotación infantil. A pesar de que temos un día sinalado contra o traballo infantil (o 12 de xuño) encáixanos perfectamente co tema que estamos a traballar sendo perfectamente compatible. En definitiva trátase de loitar polos dereitos da infancia en particular de dos dereitos humáns en xeral.

Imaxe. enlace

A primeira entrada do blog para este curso 2012-2013 incluíu unha serie de imaxes que nos poden servir para o debate e a reflexión.

Preparade un estudo comparativo da explotación infantil durante a Revolución Infantil e as formas de explotación actuais. Amáis do estudo comparativo, anotade que dereitos da infancia se están a vulnerar na actualidade, incorporade un mapa mundi que resalte as zoas do planeta con maior índice de explotación infantil analizando as causas e evidencias das mesmas. Por último establece unha serie medidas ou consecuencias que afecten ás persoas, industrias e gobernos que vulneren os dereitos dos nenos e que presentariades ante a Asemblea da ONU. O formato é de libre elección e o tempo máximo de exposición é de 5 minutos para o formato audiovisual ou de 8 minutos para as exposicións orais.


A Declaración consta de 54 artículos agrupados por grandes temas que deberedes contemplar. Incluide imaxes que contrasten realidades opostas. Os dereitos principais que se inclúen son os seguintes:


  • Igualdade.
  • Protección.
  • Identidade e nacionalidade.
  • A ter casa, alimentos e atención.
  • Educación e a atención aos disminuidos.
  • Ao amor dos pais e da sociedade.
  • A xogar.
  • A recibir axuda.
  • A non ser abandoado ou explotado.
  • A crecer en solidariedade, comprensión e xustiza.

viernes, 9 de noviembre de 2012

EXPERIENCIAS AULAS 2.0

Esta mañá publicouse unha das nosas experiencias pedagóxicas realizadas na aula o curso pasado. A Guía do Ocio Medieval na cidade de Ourense foi seleccionada para o Proxecto Abalar Aulas 2.0 e que vos transcribo literal ou ben podedes ver "in situ" premendo neste enlace orixinal da nova. Grazas a todos polo interés pero dun xeito especial ao alumnado que se implicou de menos a máis no proxecto e que fixo posible que saíse á luz, son eles os grandes protagonistas e nós meros acompañantes. É unha verdadeira satisfacción que poida servir como modelo de traballo ou poida inspirar a alguén. Estou no inicio dun proceso de aprendizaxe que é moi motivador e apaixoante no cal penso seguir, esperemos, moitos anos máis.

Portada e primeira páxina da Guía


Entre as distintas actividades presentadas ao remate do proxecto, destácannos un blogue realizado polas alumnas Andrea Menor, Alejandra Sarmiento, Raquel Rodríguez Vilas e Aldara González o cal vos animamos a ver neste enlace: blogue

Aldara, Andrea, Alejandra e Raquel.


Aproveito a ocasión para facer un adianto. Neste curso 2012-2013, iniciarei unha experiencia novidosa de traballo cooperativo intercentros que será novidosa, por ser a primeira pero sobre todo pola orixinalidade e a dimensión do proxecto. O Colexio das Josefinas e o colexio onde estudei, Maristas de Ourense, desenvolveremos un proxecto onde Ourense terá un protagonismo especial e as tecnoloxías estarán ao servizo na construcción do coñecemento do alumnado. "Abrindo portas" é o seu título. Non só abrimos as portas dos colexios para deixar illas pechadas e abrirnos ao intercambio de experiencias senon tamén abrir as portas da cidade como unha xigantesca aula, un amplo espazo de aprendizaxe aberto de par en par á nosa disposición. Agradezo a Fernando Ampudia, coordinador do seminario de Ciencias Sociais nos Maristas o interés amosado, e á predisposición do profesorado que se implicou en desenvolver este ilusionante proxecto, moitos deles antigos (que non vellos) profesores meus, o cal me motiva profesionalmente falando como emocionalmente.


Experiencias. Aulas 2.0

EXPERIENCIAS 09/11/2012

CPR San José: Guía de ocio medieval en Ourense

José Luís Guede Losada envíanos Civitas Aurensis, un blog dedicado ás Ciencias Sociais que naceu coa idea de ser un apoio máis alá da aula para o alumnado do CPR San José de Ourense. Segundo José Luís, “o feito de incorporar estratexias de aprendizaxe, no que o emprego das TIC teñen un papel mediador, contribuíu non só a mellorar o interese pola aprendizaxe senón tamén a mellorar os resultados naqueles temas nos que o propio alumnado foi protagonista da construción da súa aprendizaxe. Percibiuse unha mellora dos resultados académicos no cómputo xeral da área”.
Entre as actividades propostas para o curso 2º de ESO atópase a Guía do ocio no Ourense medieval, un proxecto interdisciplinar encadrado no obxectivo xeral de converter a cidade nun obxecto de aprendizaxe. Entre as competencias básicas que se traballan neste proxecto están a social e cidadá, coñecemento e interacción co mundo físico, cultural e artística, aprender a aprender, comunicación lingüística, tratamento da información e competencia dixital e autonomía e iniciativa persoal.
O traballo realizouse en grupos pequenos durante catro sesións lectivas. Na primeira, cada grupo realiza unha choiva de ideas coa fin de organizar as mesmas e elaborar os primeiros bosquexos. Tamén elixen un responsable para coordinar e presentar o resultado do proxecto.
Nas sesións 2 e 3 recompilan a información e elaboran un guión para unha exposición oral duns 10 minutos utilizando un programa de presentacións ou un vídeo. A última sesión dedícase a facer as exposicións e unha posta en común, así como a publicar os traballos no blog do centro.
Dentro deste traballo o alumnado realizou diversas actividades: deseño dunha guía de ocio medieval seguindo o formato das guías actuais, situación no plano das zonas de ocio do Ourense medieval, simulación dunha entrevista a un personaxe da Idade Media e a creación do “rexistro de festas medievais de Ourense”. Para rematar, faise unha reflexión comparando o ocio da Idade Media co da actualidade.

martes, 6 de noviembre de 2012

DERIVA CONTINENTAL CON DAVID GUETTA


Comezamos o traballo da análise das formas da Terra. Unha vez recoñecidos os continentes e as capas da Terra, conceptos que o meu alumnado xa tiña claro da etapa de Primaria (avaliación incial), damos as primeiras nocións sobre a Teoría da Deriva Continental de Alfred Wegener. Comenteilles que neste ano 2012 celebrouse o centenario da súa revolucionaria teoría, concretamente foi un día de Reis do ano 1912. Ese mesmo 6 de xaneiro presenta na Sociedade Xeolóxica Alemana de Frankfurt o seu traballo titulado "Die Herausbildung der Grossformen der Erdrinde (Kontinente und Ozeane), auf geophysikalischer Grundlage" ou "A formación das grandes estruturas da codia terrestre (continentes e océanos) sobre unha base xeofísicas", o xerme do que sería posteriormente a teoría da Deriva Continental.


Alfred Wegener na expedición a Groenlandia no 1930

Ao observar o mapamundi, decatámonos que África e Sudamérica son como dúas pezas dun xigantesco quebracabezas, pero ¿estiveron algunha vez realmente unidas?  O que hoxe damos por sentado e parece unha clara evidencia foi, a principios do século XX, unha revolucionaria teoría rexeitada durante moitos anos pola comunidade científica internacional.

Visionamos na aula este video do DJ francés David Guetta titulado "Without you" (Sen ti) que conta coa colaboración do cantante norteamericano Usher. As caras do alumnado sen saber de qué ía todo isto foi realmente espectacular.



Unha vez visto o video, reaaprtímonos en grupos de catro alumnos/as e poñémonos no papel do produtor (persoa responsable de convertir unha idea inicial nun video, neste caso musical e buscar a financiación), guionista do video (persoa que desenvolve a idea), director do videoclip (persoa que converte o guión en imaxes) e o DJ. Facemos unha primeira chuvia de ideas sobre o que viron no video, que recurso se emprega para captar a atención e cal é o sentido do mesmo. Agora escoitamos o mesmo tema pero tomamos as seguintes imaxes:

video

  • ¿A que se están a referir as seguintes imaxes?
  • ¿Que sabemos desas imaxes?
  • ¿Cal creedes que é a intención do director do videoclip?
Imaxe Matt Hutchinson

A TAREFA

Dividimos a clase en grupos de catro alumnos e alumnas. 

Teredes que redactar un informe acompañado de imaxes, que evidencie e xustifique a disposición actual dos continentes completando a teoría da deriva contienental de Wegener con outras teorías posteriores que considredes oportunas.

Completaredes en primeiro lugar o cadro "PREPARÁMONOS" do voso portfoloio no que iredes poñendo na columna ¿que sabemos do tema? todo aquelo que teñades claro e na ¿que necesitamos saber para redactar o informe? o que consideredes necesario para acadar o obxectivo da tarefa.

Faredes, despois de completar o "preparámonos", un mapa mental que será fundamental para  reparto das tarefas de procura de información dentro do voso grupo.

Empregaremos os portátiles do Proxecto Abalar para achegar toda aquela información que deberedes organizar, interpretar e tirar conclusións que sean axeitadas ao nivel. Nos vos esquezades de gardar os enlaces para citalos ao remate do voso informe no apartado "fontes de información".

Por outra parte, concluiredes cunha valoración persoal que enlace coa idea clave do video, todos somos importantes no mundo ou o mundo non podería existir sen a unión de todos. ¿Que cantaxes tería vivir nun continente único? ¿E cal serían as desvantaxes? Xustificade a resposta.

lunes, 29 de octubre de 2012

REVOLUCIÓNS LIBERAIS E MOVEMENTOS NACIONALISTAS

A Liberdade guiando ao pobo. E. Delacroix 1830



A unidade que da título á entrada de hoxe, en 4º de ESO ten o gran inconvinte da cantidade de dados que trata: liberalismo e nacionalismo, Revolución Francesa, Imperio Napoleónico, a Restauración, as Revolucións liberais e os movementos nacionalistas coa unificación de Alemania e Italia, pero por outra parte préstase para desenvolver diferentes estratexias pedegóxicas na aula. Nós desenvolvimos as seguintes:

DEBATE E WALLCHART

1.- Unha introducción do tema analizando o liberalismo e nacionalismo por grupos de traballos aplicando a técnica de wall chart. Nela debatimos cal eran os aspectos positivos e negativos dos nacionalismos e as propostas de solución ás dificultades plantexadas. Este diálogo servíu para analizar, de paso, a realidade das pasadas eleccións autonómicas do 21 de outubro no País Vasco e en Galicia, e tamén o "órdago" plantexado por Artur Mas dende Cataluña ao actual estado español.



ROLE PLAY

2.- O seguinte punto do tema foi a Revolución Francesa. A modo de introdución e para analizar as causas, deseñei un xogo de rol e así desenvolvimos unha pequena representación teatral na aula, onde a cada alumno ou alumna se lle entregou un sobre ao azar (pertencemos a un estamento ou a outro por nacemento) coa persoaxe que tiña que representar. Entre eles estaban Luis XVI, Necker, Sièyes, nobreza, burgueses. Fixemos unha distribución do mobiliario da clase semellante aos Estados Xerais. Unha vez entregada a documentación, tiveron un tempo para "estudar" as súas persoaxes e de seguido agrupámonos por estamentos, véndose claramente a diferencia en número de alumnos dun ou doutro grupo. Abríu o rei a sesión cun discurso inaugural, Necker fixo unha clara exposición das débedas do estado que non foron acollidas con agrado polos presentes (Cadernos de Queixas). O Doutor Guillotine ofreceunos unha sala para o debate (Salón do Xogo da Pelota). 
A valoración final foi moi positiva. No curso pasado xa iniciara esta mesma experiencia e nesta ocasión xa foron introducidas unha serie de melloras metodolóxicas que a fixeron máis dinámica e amena.


Imaxe cedec flickr
Se queredes achegar máis información sobre o tema da Revolución Francesa, tendes estos enlaces que vos aportará información complentaria.

lunes, 22 de octubre de 2012

IMAXES CON THINGLINK: A MESQUITA

Continúo engadindo novas ferramentas que teñen unha aplicación práctica para a docencia. Fixádevos na seguinte imaxe coas partes dunha mesquita, coa que estamos a traballar en 2º ESO, e pasade o rato por riba dela:




Observaredes que non só poderedes acceder áo nome das partes dunha mesquita, senon tamén a enlaces de interés que vos sirvan para ampliar información, arquivos de audio, video e outras imaxes.

Nesta ocasión a ferramenta que presento é ThingLink. Converte as imaxes en interactivas dotándoas dun interesante contido educativo. O dito de que as imaxes valen máis que mil palabras con ThingLink cobra maior relevancia ao engadirlle diversos 

O rexistro é gratuito ben a través dun formulario sinxelo ou a través de Facebook ou Tweeter. As posibilidades que ofrece son múltiples e que vos animo a descubrir. Non adico moito máis tempo a explicar o seu manexo porque veredes que é moi intuitivo e non presenta complexidade ningunha. Se aínda así desexades ampliar información déixovos un tutorial realizado coa propia ferramenta que vos pode resultar útil.

lunes, 8 de octubre de 2012

CONSTELACIÓNS AO NOSO ALCANCE

Imaxe lienzooviedo

Na entrada de hoxe completo a parte do proceso do visor de constelacións. Chega cuns días de retraso cousa que sinto ben, sobre todo para os que estivéchedes agardando. Para compensar regálovos unha sinxela historia introductoria e máis abaixo as fotos do traballo.



MATERIAIS
Materiais necesarios. Collage realizado con photovisi.com

jueves, 4 de octubre de 2012

VISOR DE CONSTELACIÓNS

Continuamos ao longo desta semana coas actividades relacionadas co Workshop do Universo e poñer fin a esta primeira unidade do curso. O taller alíñase cun obxectivo recollido na etapa de ESO, o de potenciar os proxectos colaborativos e cooperativos. O meu compañeiro Xerardo suxeríu un proxecto que é "A constelación do mes".


Nós fixemos un pequeno matíz e ampliamos o traballo. Decidinme a colaborar nesta proposta porque encaixa perfectamente no currículo e na temporalización, pero sobre todo porque como estratexia pedagóxica o Taller aportounos una dinámica de traballo moi eficaz de cara á asimilación dos contidos coma na creación dun clima de convivencia na aula moi positivo.

Na sesión do mércores día 26 de setembro elaboramos un visor de constelacións e o xoves 27 comezamos cos carteis de exposición. Na entrada de hoxe amosareivos a parte dos visores. De elaboración sixela e de resultados espectaculares.


Na próxima entrada amosareivos o proceso desenvolto na aula.

lunes, 24 de septiembre de 2012

EXPERIENCIAS #SEMANA_01: WORKSHOP UNIVERSO

O luns 17 foi a presentación do curso. Non tiven moitas sesións cos distintos niveis salvo con 1º de ESO cos que xa tiven tres. Os inicios de curso son sempre moi similares e seguen  unha mesmas rutinas. Os matices o dan as novas caras do alumnado, a súa maduración e as novas estratexias que tentamos empregar para facer da acollida algo novedoso.Tras unha presentación de todos, falamos dos mínimos de convivencia, os contidos a desenvolver ao longo do curso e tamén dos famosos criterios de cualificación. Comezamos a camiñar xuntos.

Imaxe Iain Blake
Neste curso potenciaremos unha sistemática de portfolio (e-portfolio con algúns alumnos) e rúbricas. Unha vez feita a avaliación inicial e metidos en materia, temos xa unha experiencia na que xa estamos a traballar.

WORKSHOP O UNIVERSO



Por que worshop (taller) como estratexia pedagóxica?

Traballo nun centro concertado relixioso das Siervas de San José cun carisma ben definido onde o taller é un elemento importante do noso quefacer diario. A súa fundadora Santa Bonifacia, muller sinxela, fai do seu taller un lugar de acollida para a muller traballadora na España do XIX.



O taller como estratexia facilita non só a aprendizaxe senon tamén as relacións mestre-alumnado e os propios rapaces e rapazas dentro do proceso de ensino-aprendizaxe. Unha apaixoante viaxe de ida e volta onde o mestre pasa a ser un guía-acompañante e o alumnado constructor do seu propio coñecemento. Ao longo desta semana que comeza desenvolveremos diferentes actividades das que vos irei amosando o proceso.

Fonte da imaxe: enlace









sábado, 15 de septiembre de 2012

PREMIOS BITÁCORAS 2012

Por primeira vez me presento a este premio na categoría de blogues educativos co fin de difundir as experiencias realizadas nese gran escaparate que é a rede e dar a coñecer parte do traballo que vimos desenvolvendo na área de Ciencias Sociais no Colexio San José de Ourense. 

O fin último non é gañar ne participar por participar, senon difundir experiencias, compartir pero sobre todo aprender. Grazas a iniciativas deste tipo entro en contacto con outros profesionais da educación e de outros ámbitos profesionais dos que non deixo de aprender.

Se che gusta o blogue e queres deixar o teu voto, preme no botón. Grazas pola visita.

Votar en los Premios Bitacoras.com

viernes, 14 de septiembre de 2012

VOLTA AO COLE (BACK TO SCHOOL)

Sinto o retraso pola publicación desta primeira entrada de curso, non pensedes que acabo de chegar. O día 3 de setembro reencontreime cos meus compañeiros e compañeiras para iniciar o curso 2012-2013. Uns días cargados de reunións de traballo para perfilar as estratexias a seguir cun fin, que é o de acadar unha mellor calidade do ensino. O vindeiro luns 17 reencontrareime con moitos de vós físicamente e virtualmente con outros.

Imaxe julipan en flickr

Unha das cousas que veño percibindo neste mes de setembro, tanto nos medios de comunicación coma no ambiente da miña cidade, é que desapareceu o temido síndrome postvacacional. Normal, pensei. Nun momento de profunda crise como a que estamos a sufrir, os que temos a gran sorte de ter traballo non nos podemos queixar e menos aínda se no que traballamos é o que realmente nos gusta e nos enche. ¿Vós como alumnos e alumnas tendes a mesma sensación? ¿Estades desexando volver ao traballo?

Facendo esta reflexión e achegando posibles estratexias para a xornada de acollida pensei que o alumnado en xeral tampouco debera ter ese estrés que xenera a volta á escola, sobre todo para os que sodes máis veteranos. Recoñezo que hai traballos máis motivadores e outros algo menos, certo que en ocasións os mestres axudamos á desmotivación pero ese no é o noso desexo senon máis ben o contrario. As rutinas do cotiá poden facer insufribles certas profesións e a nosa é unha delas. O voso carné dí que de profesión sodes estudantes. Cando esteades sentados no voso centro reflexionade sobre a fortuna de ter traballo, outros non o teñen tan doado.

NON LEVA A SÚA MOCHILA CARGADA DE LIBROS ...



... NEN SUBEN AS ESCALEIRAS DO COLEXIO ...



NON É UN AULA DE INFANTIL ...


... NEN ESTO UNHA CLASE DE CIENCIAS NATURAIS ...



... OU UN AULA DE TECNOLOXÍA.


NON SEMELLA UNHA VOLTA A CASA TRAS UNHA LONGA XORNADA ESCOLAR ...


... PARA FACER DEBERES NA CASA.


PARA CHEGAR ÁS AULAS TAMÉN CRUZAN PONTES ...


... OU ESTREITAS ACERAS.


OUTROS, COMA ALGÚNS DE VOS, PRECISAN MEDIOS DE TRANSPORTE ...


 QUE A CERTAS HORAS TAMÉN VAN CHEOS.




É unha sorte ter traballo ¿non sí?

Anímovos a que vexades a seguinte curtametraxe titulada "Binta e a gran idea", no que unha nena senegalesa de sete anos organiza unha obra de teatro para amosar o desexo da súa curmá de ir á escola. Ogallá que os que traballamos no ensino atopemos as estratexias necesarias que fagan das escolas lugares tan desexados como o son para millóns de nenos no mundo que non as teñen. Bo inicio de curso!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER