miércoles, 4 de enero de 2012

PELOURO OU PELOURIÑO: REMAKE

Nunha entrada anterior, non hai moito tempo, fixen unha reseña ao pelouro de Ourense e que hoxe reedito para introducir novos elementos de discusión. 

Decidín retomar a entrada tempo atrás a raíz dunha conversa mantida con Don Antonio, un dos meus confidentes en canto á historia popular máis inmediata da cidade. Foi nunha mañá cando me atopaba facendo fotos á antiga ubicación dos lavadeiros das Burgas e tamén aos que na actualidade se manteñen nos baixos da Praza de Abastos os que adicarei tamén algunha entrada próximamente.

Saquei o tema do pelouro, case por casualidade, dunhas cousas que levan a outras e tamén por se me aportaba algunha novidade. Un dos problemas cos que nos atopamos é a falta de restos ou fontes documentais que ubiquen con exactitude a zona onde se  emprazaría este símbolo da xustiza. A memoria histórica de Don Antonio non chegaba a tanto evidentemente, aínda que sí acertamos a falar do garrote vil e dunha ubicación onde, segundo contaban os máis vellos, se axustizaba aos reos. "Seica quedan unhas pedras cunhas marcas que poderían estar relacionadas co pelouro ou co lugar onde se lle daba escarmento público aos reos" coméntame. Ata alí me despracei e tomei a seguinte imaxe:

Foto: José L. Guede
 Supostamente nesta zona, ou nas proximidaes, se ubicaría o pelouro.

Nova  suposta ubicación do pelouro. Ver a anteriror aquí.
Rúa de Bailén coa Banca Romero á esquerda en obras de restauración e "as pedras". Foto: José L. Guede

A Catedral-fortaleza, o Castelo Ramiro e o pazo do Bispo coas súas torres defensivas foron símbolos da autoridade eclesiática na Civitas Auriensis medieval. Daquelas torres do Pazo e Curral do Bispo (chegou a ter entre cinco e sete) consérvanse hoxe en día dúas aínda que modificadas respecto ás orixinais:

  • a Torre dos Brancos (actual sé do Arquivo Histórico Provincial de Ourense -AHPO-) románica do s.XII  

Torre dos Brancos. Foto: Xunta


  • a Torre de Santa María no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense -MAPO-.


Fachada de Santa María Nai antes e despois da década dos anos 50. Á dereita de ambas imaxes a Torre de Santa María modificada pertencente ao MAPO.

Precisamente no lugar dunha destas torres episcopais xa desaparecidas, a torre Beati Martini ou de San Martiño -s.XII-, erixiuse o Cárcere da Coroa no s.XVIII. Nas súas proximidades poderíase ubicar o pelouriño. Foi o Bispo Juan Muñoz de la Cueva, nomeado polo rei Filipe V, o que mandara construír o Cárcere para cubrir unha necesidade da emerxente cidade derrubando así a Torre Vella.

Cárcere da Coroa. Foto: José L. Guede

Polas fendas e o canalón nas pedras conservadas na rúa Bailén, comentaban os "veteranos", escorregaba o sangue dos condeados. Tempos aqueles de sangue e tortura na vella Auria. Seguiremos indagando.


0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER