miércoles, 4 de abril de 2012

A CASA DA NUBE

Non é a primeira vez que algún alumno ou alumna pregunta, nas visitas que facemos pola cidade, cal é o significado desta obra. Non é fácil de explicar, sobre todo para os máis novos. Tal vez o é en canto á intención primeira do artista pero en menor medida ao estilo ou corrente na que se encuadra esta obra, xa que non é ata 4º cando introducimos a arte do s.XX. A Casa da Nube (Luis Borrajo, novembro 1989)   sita no emprazamento  termal cultual da praza das burgas é un claro exemplo de escultura abstracta en aceiro cortén, encuadrada dentro da corrente do constructivismo, "a arte pode e debe exercer un impacto na sociedade", Tatlin, V.

A Casa da Nube (Novembro 1989) de Luis Borrajo. Foto: José Luis Guede 2007

Comezo por presentar ao seu autor, Luis Borrajo (1950-2005). Na súa curta vida, este artista vinculado á xeración de artistas ourensáns dos 70, realizou dende o seu estudo de Vilardevós diversas obras que reciben influencias diversas dende Anthony Caro, Eduardo Chillida, Malevich ou mesmo Jorge Oteiza.

Estudio de Luis Borrajo en Vilardevós. Foto: Antón García de Buciños

Inicialmente traballará con Acisclo Manzano Freire. As súas primeiras obras están en relación cos apeiros de labranza galegos e pronto comeza a experimentar co ferro e aceiro cortén que foi a súa grande paixón, de xeito que Luis Borrajo é coñecido coma o poeta do ferro.

Luis Borrajo o poeta do ferro. Fonte: La Voz de Galicia dixital. Foto: Miguel Villar

A obra que nos ocupa está realizada en aceiro cortén de chapa de 20 mm coas dimensións do conxunto de   4,27x1,98x2,94 no momento da súa instalación . Este material ten a particularidade que cando se oxida, crea un película protectora que o fai impermeable á auga e á corrosión atmosférica polo que non necesita ningún tipo de protección extra ou pintado. Esta peza é un claro exemplo do emprego deste material pero non o único en Ourense. Temos varias obras deste artista na nosa cidade que vos pedirei identificar.

Luis Borrajo será o primeiro escultor que aplique a abstracción á escultura pública monumental en Ourense. Recibe o encargo para a praza das Burgas e concibe a peza, dacordo co arquitecto José Manuel Casabella, entre as dúas fontes, a de Abaixo e a do Medio. A obra ten un marcado simbolismo xa que en tempos existía unha ferreiría polo que a perspectiva da obra simboliza ese traballo en consoancia co vapor que emana a piscina da Burga do Medio. Segundo o propio autor, "a peza pode e debe ser penetrada polo espectador". Pregúntome a maneira de facelo posible agora, porque trala reforma deste espazo non se tivo en conta o seu desexo, ubicándose na actualidade nun pedestal que impide calquera interacción co espectador salvo, evidentemente, a visual.

A Casa da Nube (Novembro 1989) - Luis Borrajo. Foto: José Luis Guede 2007

Penetrando a peza, tal e como propuña o autor. Foto: José Luis Guede 2007

A intención inicial desaparece trala actuación feita no entorno das Burgas, perdéndose así a intencionalidade que propuña Luis Borrajo.

Foto: José Luis Guede 2012

Como curiosidade dicir que era tío da diseñadora ourensá Raquel Sousa, unha ex-alumna do colexio que recentemente resultou premiada na II edición de "Mad About Shoes" de Sacha London.

Raquel Sousa á esquerda..
Fonte da imaxe: web de Sacha London



Zapatos cos que Raquel Sousa gañou o segundo premido do concurso de Sacha London "Mad About Shoes".
Fonte da imaxe: web de Sacha London


ACHEGADE IMAXES DAS OBRAS DE LUIS BORRAJO PRESENTES NA CIDADE DE OURENSE. AMOSA TAMÉN ALGUNHA DAS SÚAS OBRAS NA PENÍNSULA.

Axúdovos cunha das súas obras en Santiago de Compostela titulada Encuentro cardinal.

Monolito Encuentro cardinal. Luis Borrajo.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER