domingo, 6 de mayo de 2012

SUPER NAI, SUPER LÚA

Cada primeiro domingo de maio celebramos o día da nai pero ¿dende cándo o vimos facendo así? Moitas das nosas festas e tradicións teñen unha orixe clásica. Tanto gregos coma romanos atoparon  inspiración nas primeiras civilizacións fluviais, Mesopotamia e Exipto.

Fonte Wikipedia

Foi en Exipto cando se venerou a Isis como a "deusa nai". Se achegas información sobre o seu mito atoparás o sentido a esto. Máis tarde os gregos coa deusa Xea e os romanos con Cibeles continuaron estas tradicións. No mundo cristián o día da nai celebrouse durante moito tempo o día 8 de decembro, coincidindo coa festividade da Inmaculada Concepción.

Hoxe preténdese dar unha xustificación non comercial dicindo que ao coincidir co mes de María é o mellor momento para celebrar este día, pero non é así. O motivo do cambio de data haino que atopar en EUA a finais do s. XIX con Julia Ward e a procalama do día das nais e tamén en Anna Jarvis.

O motivo da entrada non foi só lembrar o día da nai senon a coincidencia na mesma data de dous feitos, por unha parte celébrase o día da nai e pola outra, como ben sabedes, esta madrugada produciuse o fenómeno da superlúa, e a lúa nalgunhas civilizacións é a deusa Nai.

Quédome cunha das moitas e espectaculares imaxes que circulan pola rede e coa que pecho esta entrada de hoxe. Trátase dunha fotografía de Dimitri Messinis coa superlúa e o templo de Poseidón, no cabo Sunion en Grecia. Poseidón era o deus do mar, das tormentas e terremotos que nesta ocasión no tivo más remedio que rendirse á beleza do noso satélite.

Superlúa co templo de Poseidón en cabo Sounion, Grecia. Imaxe de Dimitri Messinis. Fonte: enlace


Ofrézovos unha proposta de traballo dirixida ao alumnado de 3º ESO que recentemente realizáchedes a visita ao Parlamento de Galicia. Serviravos para consolidar e practicar as funcións do Parlamento dunha forma sinxela e cun tema menos trascendente dos que xurdiron na nosa derradeira visita. Adicaremos unha sesión de clase:

Fonte da imaxe: enlace

  • Formamos 6 grupos de 4 a 5 membros cada un ("grupos parlamentarios").
  • Nomeamos un portavoz do "grupo parlamentario".
  • Facede un proxecto de lei para modificar a data de celebración do día da nai.
  • Adicaredes uns minutos para preparar e fundamentar o voso proxecto de lei. Podedes achegar información que fundamente o voso proxecto de lei nalgún dos enlaces desta entrada.
  • Cada portavoz escollerá un sobre pechado que conterá un número do 1 ao 6.
  • Os grupos debatirán do seguinte xeito 1-6; 2-5; 3-4, sendo o grupo en primeiro lugar o que defenda o seu proxecto de lei e o que sae en segundo lugar dará argumentos en contra.
  • No seguinte enlace investigade en que comisión parlamentaria encuadraría mellor este proxecto de lei.
  • Reunirédevos en "Xunta de Portavoces". Neste enlace ollade os procedementos de votación e acordade cal será o procedemento elexido.
  • Imitando ao programa de TV "59 segundos" cada grupo disporá de dous turnos de 59 segundos cada un para expor e/ou rebater. 
  • Unha vez rematado o tempo procederase á votación de todos os membros do "Pleno" -clase-.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER