viernes, 9 de noviembre de 2012

EXPERIENCIAS AULAS 2.0

Esta mañá publicouse unha das nosas experiencias pedagóxicas realizadas na aula o curso pasado. A Guía do Ocio Medieval na cidade de Ourense foi seleccionada para o Proxecto Abalar Aulas 2.0 e que vos transcribo literal ou ben podedes ver "in situ" premendo neste enlace orixinal da nova. Grazas a todos polo interés pero dun xeito especial ao alumnado que se implicou de menos a máis no proxecto e que fixo posible que saíse á luz, son eles os grandes protagonistas e nós meros acompañantes. É unha verdadeira satisfacción que poida servir como modelo de traballo ou poida inspirar a alguén. Estou no inicio dun proceso de aprendizaxe que é moi motivador e apaixoante no cal penso seguir, esperemos, moitos anos máis.

Portada e primeira páxina da Guía


Entre as distintas actividades presentadas ao remate do proxecto, destácannos un blogue realizado polas alumnas Andrea Menor, Alejandra Sarmiento, Raquel Rodríguez Vilas e Aldara González o cal vos animamos a ver neste enlace: blogue

Aldara, Andrea, Alejandra e Raquel.


Aproveito a ocasión para facer un adianto. Neste curso 2012-2013, iniciarei unha experiencia novidosa de traballo cooperativo intercentros que será novidosa, por ser a primeira pero sobre todo pola orixinalidade e a dimensión do proxecto. O Colexio das Josefinas e o colexio onde estudei, Maristas de Ourense, desenvolveremos un proxecto onde Ourense terá un protagonismo especial e as tecnoloxías estarán ao servizo na construcción do coñecemento do alumnado. "Abrindo portas" é o seu título. Non só abrimos as portas dos colexios para deixar illas pechadas e abrirnos ao intercambio de experiencias senon tamén abrir as portas da cidade como unha xigantesca aula, un amplo espazo de aprendizaxe aberto de par en par á nosa disposición. Agradezo a Fernando Ampudia, coordinador do seminario de Ciencias Sociais nos Maristas o interés amosado, e á predisposición do profesorado que se implicou en desenvolver este ilusionante proxecto, moitos deles antigos (que non vellos) profesores meus, o cal me motiva profesionalmente falando como emocionalmente.


Experiencias. Aulas 2.0

EXPERIENCIAS 09/11/2012

CPR San José: Guía de ocio medieval en Ourense

José Luís Guede Losada envíanos Civitas Aurensis, un blog dedicado ás Ciencias Sociais que naceu coa idea de ser un apoio máis alá da aula para o alumnado do CPR San José de Ourense. Segundo José Luís, “o feito de incorporar estratexias de aprendizaxe, no que o emprego das TIC teñen un papel mediador, contribuíu non só a mellorar o interese pola aprendizaxe senón tamén a mellorar os resultados naqueles temas nos que o propio alumnado foi protagonista da construción da súa aprendizaxe. Percibiuse unha mellora dos resultados académicos no cómputo xeral da área”.
Entre as actividades propostas para o curso 2º de ESO atópase a Guía do ocio no Ourense medieval, un proxecto interdisciplinar encadrado no obxectivo xeral de converter a cidade nun obxecto de aprendizaxe. Entre as competencias básicas que se traballan neste proxecto están a social e cidadá, coñecemento e interacción co mundo físico, cultural e artística, aprender a aprender, comunicación lingüística, tratamento da información e competencia dixital e autonomía e iniciativa persoal.
O traballo realizouse en grupos pequenos durante catro sesións lectivas. Na primeira, cada grupo realiza unha choiva de ideas coa fin de organizar as mesmas e elaborar os primeiros bosquexos. Tamén elixen un responsable para coordinar e presentar o resultado do proxecto.
Nas sesións 2 e 3 recompilan a información e elaboran un guión para unha exposición oral duns 10 minutos utilizando un programa de presentacións ou un vídeo. A última sesión dedícase a facer as exposicións e unha posta en común, así como a publicar os traballos no blog do centro.
Dentro deste traballo o alumnado realizou diversas actividades: deseño dunha guía de ocio medieval seguindo o formato das guías actuais, situación no plano das zonas de ocio do Ourense medieval, simulación dunha entrevista a un personaxe da Idade Media e a creación do “rexistro de festas medievais de Ourense”. Para rematar, faise unha reflexión comparando o ocio da Idade Media co da actualidade.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER