domingo, 30 de diciembre de 2012

5 CLAVES PARA A REFLEXIÓN DOCENTE


Estamos inmersos nun profundo debate educativo. Formamos parte dunha xeración dentro da historia da humanidade que está a vivir un cambio de ciclo, de era ou de mentalidade. Vivimos, os educadores, un momento de incertidume pero ao mesmo tempo un momento máxico, cecáis o mellor momento para o ensino. Unha das claves é recuperar a paixón pola docencia e aportar solucións, máis que críticas ou queixas constantes que nos fan caer no desánimo. A peor derrota que pode sufrir un mestre é a perda da paixón pola ensinanza, polos nenos e nenas, ou facer da súa profesión unha rutina. Un dos instrumentos que teño integrado á avaliación é a miña propia autoavaliación, a cal precisa dun contraste que ten que ser necesariamente o meu alumnado, porque para eles é a quen vai dirixida a miña acción docente. Paso algúns cuestionarios e tamén emprego o debate onde queda claro que as opinións poden ser ou non compartidas pero son respetadas, sempre dentro do marco do respecto mútuo. Non debemos esquecer que o proceso ensino-aprendizaxe é unha viaxe de ida e volta. Non só avaliamos ao alumnado, tamén nós necesitamos dunha profunda avaliación e moitas das pautas de mellora que teño introducidas coma mestre viñeron do propio alumnado.

Algunhas claves para esa reflexión:


1.- ¿Escoitas con certa frecuencia ao teu alumnado dicir que non lles gusta a escola ou non lles apaixoa a túa materia?
Foto doisneau43

Os nenos dende que nacen están aprendendo. Non se pode, por tanto, negar a que un neno aprenda. Se din que non lles gusta a escola ou a materia que impartes ¿parácheste a pensar que hai algo que non funciona ou que non encaixa coas súas expectativas? Debería xerar un amplo debate o feito que os nenos e nenas cando entran en infantil e os primeiros anos da educación Primaria desexan ir á escola pero a medida que van medrando a distancia entre alumnado e escola faise demasiado longa, en ocasións tan insalvable que condea a máis dun cuarto dos escolares ao fracaso. A clave é unha escoita atenta ás razóns que esgrimen. Tamén unha escoita activa por parte dos responsables políticos que dende as súas torres de marfíl redactan unhas leis que en ocasións se fan sen contar cos profesionais do ensino. Esto, sen embargo, non nos pode servir de excusa ou desmotivación, se en realidade da túa profesión fixeches a túa vocación, poderás contribuír a unha mellor calidade do ensino. Pode que necesitemos un cambio ¿verdade?. Transfórmate.

2.- ¿Cústalle ao teu alumnado interactuar contigo?


¿Favoreces un clima de diálogo na aula ou todavía segues a dar grandes monólogos que non teñen en conta os intereses do teu alumnado? Nunha clase tradicional o mestre fala, a parte activa, e o alumnado escoita, a parte pasiva. En ocasións o profesorado está separado do alumnado encaramado enriba dunha tarima, un lugar superior que remarca as diferencias e reforza a posición de domino e control, de autoridade imposta, non outorgada. O alumnado non sabe cara a onde vai, simplemente déixase ir porque os obxectivos só os ten claros o profesorado. Quen máis aprende, por regra xeral é o propio mestre porque acaba por asumir as actitudes que lle corresponden ao alumnado. Sen dúbida, para comezar, unha dose de intelixencia emocional é necesaria. Deixa ao alumnado que sexa partícipe dos obxectivos e as metas a acadar. O alumnado debe saber cara a onde se dirixe, cal e o sentido e a finalidade da súa actividade na aula.

3.- ¿Cansas ao alumnado con longas tarefas para casa e a menudo pouco motivantes?

Non penses que as tarefas en tódolos casos axudan a reforzar os contidos, en ocasións contribúe a cansar ao alumnado e que colaboren ao rexeitamento cara á materia. Trátase de que as tarefas sexan adaptadas a cada alumno e alumna e sirvan para adquirir hábitos de estudo e traballo diario pero non para prolongar o horario lectivo na casa. Non podemos agobiar ao alumnado. En moitas ocasións os máis responsables asumen estas tarefas e síntense castigados, mentres aqueles para os que van especialemente dirixidas, en ocasións veñen con elas a medio facer, mal feitas ou simplemente non as traen. Por un lado non cumplimos o obxectivo dos deberes e por outra desmotivamos con tarea extra a aqueles que sí asumen as súas responsabilidades. Os deberes, no caso de que os houbese, deben ser personalizados e adaptados a cada necesidade.

4.- ¿Empregas con certa frecuencia a frase "prestade atención"?
Foto ANVrecife

Se dúbida tes un grave problema de control, non eres interesante e por riba quedas a deber. Pedir prestado algo ten como inconvinte que hay que devolvelo, e en ocasións, con intereses. Plantexácheste nalgunha ocasión que poida que non lle parezas o suficientemente interesante ao teu alumnado ou o que contas e forma na que o fas non conecte. Está claro que non estás en sintonía. Unha das claves é ser interesante, coma un pavo real que se exhibe para captar a atención. Cando entres na sala de clase tí es o protagonista. Es un gran contador de historias que enganchan á audiencia, lembrádevos do profesor Tamariz. Evita as rutinas e sorprende. Moito mellor é a expresión inglesa que dí "pay attention", serán eles e elas os que acaben pagando pola atención, ese é o gran reto.

5.- ¿Segues a pensar que calquera tempo pasado foi mellor?

Non te lamentes nen sintas morriña dos tempos pasados. Non o dubides, calquera tempo pasado foi peor. Estamos no mellor momento para o ensino, cheo de posibilidades que non podemos nen debemos desaproveitar. O que sempre fixemos danos seguridade por eso sair da zoa de confort é arriscado e danos medo, pero é unha aventura que merece a pena ser vivida. Non precisamos cambiar de xeito radical senon comezar con pequenos pasos. Dicía o doutor Gregorio Marañón que "vivir no é só existir, senon existir e crear, saber gozar e sufrir e non durmir sen soñar. Descansar, é comezar a morrer." Non morramos coma mestres.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER