domingo, 22 de diciembre de 2013

EDUCACIÓN: COMPETICIÓN OU COOPERACIÓN


Imaxe: Ester Jaume
O modelo actual de educación tradicional está orientado cara á competición. A nova lei, LOMCE, reforza esta idea de competición e selección. Incomprensiblemente no s.XXI non somos quen de acadar un consenso no que se entende como o maior ben da sociedade, a educación.

Se analizamos a etimoloxía da palabra competir observaremos que ven do latín "competere". Ten unha raíz "con", que aporta a idea de "encontro" ou "xuntos" e o verbo "petere", que significa "dirixirse a" ou "buscar". Polo tanto competición etimoloxicamente está máis preto do que entendemos por cooperar.

Foto: José L. Guede. Aula 1º ESO

Cooperar. Neso andamos, tentando achegar estratexias pedagóxicas motivadoras que partan da realidade do alumnado e que integre o traballo cooperativo, co obxectivo de dirixirnos cara á historia local e atopar xuntos os nosos valores patrimoniais. Á volta das vacacións continuamos o proxecto "Abrindo Portas" que ten como protagonista ao alumnado e á cidade de Ourense. Dúas tarefas por diante, unha entrevista para "Encontros con..." e cómo integrar as apps para smartphones no currículo das Ciencias Sociais. Competir é motivante, pero cooperar motívanos, ademáis, emocionalmente.

jueves, 12 de diciembre de 2013

AS VIAXES DO CAPITÁN GARDADOR




O vindeiro 17 de decembro, ás 20.00 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense terá lugar a presentación dunha curtametraxe realizada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Trátase da primeira achega dunha serie de vídeos de curta duración (aprox. 7-8 minutos) pensados para dar a coñecer dun xeito ameno ao gran público a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do noso pasado. Unha vez presentado, o vídeo poderase ver en Youtube ou na páxina de Facebook do Arquivo Histórico Provincial.


Nestes vídeos, unha personaxe debuxada nun documento notarial do ano 1774, o "capitán gardador" Xan de Baldriz, guiaranos por diferentes momentos da Historia de Galicia. A pantasma deste capitán, como unha sombra que percorre o labirinto da memoria, vaga polo Arquivo Histórico Provincial gardando con agarimo os seus pergamiños e papeis centenarios. Silente e invisible durante séculos, Xan de Baldriz decide saír da penumbra na que habita para convidarnos a viaxar a través do tempo sucando un mar de documentos. A partir da información que repousa nos fondos documentais do Arquivo, o capitán Baldriz convértenos en espectadores da vida cotiá das sociedades do pasado, xa sexa do mundo rural de monxes, fidalgos e campesiños ou das rúas do Ourense de finais do século XIX.

Esta curtametraxe descubre como a consulta de calquera dos milleiros de documentos conservados no Arquivo Histórico Provincial nos pode abrir unha fiestra ao pasado para viaxar nunha "máquina do tempo" pilotada polo aventureiro que teña a audacia de internarse no labirinto da memoria. En definitiva, da man do "capitán gardador" poderanse valorar as posibilidades que ofrece o patrimonio documental, non só como unha fonte para a investigación histórica, senón como como aventura ao alcance de todos, como unha viaxe ao pasado a través de documentos de distintas épocas.

martes, 3 de diciembre de 2013

MOSAICOS ROMANOS

Unha das tarefas que desenvolvimos no Proxecto do Mundo Romano foi a elaboración dun mosaico. Acompañábase dunha memoria en video sobre o proceso e investigación desta técnica. Nela indagamos sobre as orixes deste tipo de decoración en distintas superficies a partir de trozos de pedras de tamaños, cores e materiais variables. Estas pequenas pezas eran as teselas. Este tipo de decoracións designábanse co termo de "opus musivium".

Averiguamos tamén que os mosaicos podían adornar as paredes das domus e as villae. As teselas de forma cúbica tiñan un tamaño variable, entre os 0,2 e os 3 cm., e uníanse cunha substancia chamada morteiro.

O proceso de fabricación seguía unha orde que de abaixo arriba era a seguinte:
  • Terra prensada.
  • Capa de gravilla (statumen).
  • Capa de morteiro de cal e fragmentos de cerámica (rudus).
  • Capa de morteiro de cal (nucleus) sobre a que se puñan as teselas.
Tamén investigamos sobre algunhas das profesións vinculadas á técnica de mosaico como o pictor imaginarius, musivarius, caementarius, calcis coctor, pictor parietarius, ou o tesselarius.

De entre todos os  motivos decorativos que os romanos trataron, eu quero resaltar algúns exemplos que vós escollístedes para as vosas obras e que foron sobresaíntes. Quedan máis traballos por compartir pero eso será noutra entrada. Ata entón disfrutade destas obras de arte.




En colaboración coa área de lingua, realizamos unhas narracións que tiña como escenario a Civitas Aurias onde xunto a Calpurnia Abana Aeboso vivimos distintas aventuras. Noraboa polo voso traballo e esforzo, e grazas á miña compañeira por colaborar nesta experiencia. Continuará...

lunes, 2 de diciembre de 2013

PURE POP ART



¿Que obxecto da cidade tomariades como icono?  Eu decidinme polo Carrabouxo por comezar cunha das imaxes que teño para o Facebook de Civitas Auriensis. Warhol precisaba do talento, habilidade e tempo para facer as súas obras. Hoxe cun programa de fotos podemos acadar resultados de menor calidade artística pero sérvenos para facernos unha idea.



Temos en Ourense unha exposición única ata o día 15 de decembro que non debemos deixar pasar a oportunidade de visitar. "Pure Pop Art" recolle 104 obras dos artistas máis representativos deste movemento artístico como Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Steve Kaufman, Keith Haring, Robert Rauschenberg, Mel Ramos, Pietro Psaier ou Robert Indiana. Anímovos a os que non fúchedes a que o fagades ao longo destos días. Tódalas tardes a partir das 18,30 hai unha visita guiada que vos axudará á elaboración do voso traballo.

¿De cantas litografías se compón a obra adicada a Marilyn Monroe? ¿Chegou a coñecer o impacto que esta obra de Warhol tivo ate se converter nun icono da modernidade?

Imaxe. José Luis Guede

¿Que personaxe do século XX podes recoñecer na seguinte obra? Recentemente se ten conmmemorado o 50º aniversario ¿de qué feito histórico?

Imaxce: José Luis Guede

Invítovos a que leades a columna de opinión publicada na prensa local de hoxe luns 2 de decembro a cargo do profesor Xabier Limia de Gardón no seguinte enlace.

O prazo para a entrega dos traballos voluntarios remata o mesmo día que a exposición. 

viernes, 8 de noviembre de 2013

ENCONTROS CON ... JOSÉ MARÍA EGUILETA: O VIDEO




"Encontros con..." forma parte dun proxecto máis amplio de traballo que integra a inclusión do patrimonio no currículo dun xeito activo e participativo do alumnado e que ten como principal protagonista á cidade de Ourense e ás ourensás e ourensáns, de agora e de sempre.

lunes, 4 de noviembre de 2013

ENCONTROS CON ... JOSÉ MARÍA EGUILETA: O PROCESO


José María Eguileta nun momento da visita

Estamos a disfrutar cun proxecto de intelixencias múltiples co tema da antigüidade romana e a fragmentación do mundo antigo. A idea de relacionar a intelixencia interpersoal e a intelixencia lingüística dentro dun proxecto titulado "Encontros con..." levounos a vivir esta primeira experiencia piloto que tivo como protagonista o 29 de outubro de 2013 ao arqueólogo municipal José María Eguileta Franco, a quen dende xa lle agradecemos enormemente a deferencia de colaborar con nós. O motivo da súa elección foi doado posto que era a persoa que máis relación directa tiña co proxecto que estamos a traballar e amáis a súa profesión o une á propia historia do colexio e aos restos arqueolóxicos atopados no patio alá polo ano 1996, o balneum das Josefinas, e aos novos achádegos na Horta das Burgas.

Paula, Alberto, julián, José María Eguileta, Alicia e María nun momento da entrevista no CIATCO

A idea, como xa comentei, non é esporádica senon que xorde dun proxecto máis global que é o de dar a coñecer o patrimonio local a través do ensino co fin de conseguir que sexa o alumnado o mellor embaixador da cidade. Unha frase que cita o doutor Mora no seu libro Neuroeducación, e que José María Eguileta referencia nun momento da entrevista, "só se pode coñecer aquelo que se ama". Se non amamos a nosa cidade e o noso patrimonio, valorándoo como propio e único, difícilmente o poderemos coñecer e moitos menos difundir e por en valor.

Antes de subir a entrevista completa en video comparto o documento que nos levou a ter este "Encontro con..."

ENTREVISTA A JOSE MARÍA EGUILETA.pdf by auriensear

lunes, 28 de octubre de 2013

APRENDENDO CO CLÁSICO BARÇA - REAL MADRID


Fonte: enlace

Xunto unha sinxela actividade realizada co gallo do xa repetitivo Barça - Real Madrid. Non sendo fan do fútbol, teño que recoñecer que o tirón mediático que ten este tipo de encontros e que poden facilitar a tarefa de reforzar os contidos de localizar con precisión un punto no mapa e os fusos horarios ao ser unha relidade cercana ao alumnado.

Complétase a actividade cun traballo de investigación sobre os fusos horarios: "Hitleriadas" e "A volta ao mundo en 24 fusos horarios".


jueves, 17 de octubre de 2013

TRABALLANDO CON INTELIXENCIAS MÚLTIPLES


Hai case dúas semanas que finalizamos a unidade da "Terra e o Universo" en 1º de ESO. Unha vez rematada esta experiencia con Intelixencias Múltiples podemos concluir que foi todo un éxito. As competencias créanse en base á práctica e á interacción o que permite por en acción os coñecementos. Esta implicación das intelixencias sen dúbida axuda a consolidar os coñecementos.



As valoracións deben facerse co poso do tempo e non en base ás emocións do momento. A reflexión crítica do profesorado vai no día a día pero tamén coa perspectiva do tempo. De seguro as conclusións mudarán se volvemos sobre a avaliación e a contrastamos con outras experiencias e outros contextos. Esto forma parte da autoformación e da aprendizaxe contínua que debe estar ligada a toda profesión pero con especial atención á nosa. Como docentes esta reflexión proporciónanos un feedback que contribúe ao noso crecemento non só profesional senón tamén persoal.

A día de hoxe temos indicadores que avalan o proceso de ensino-aprendizaxe con esta metodoloxía como moi positivo. Podo citar algúns deles:
  • A participación activa do alumnado e o interese amosado durante o desenvolvemento das tarefas.
  • A inclusión e total integración do alumnado con necesidades educativas.
  • A independencia que adquiríu o alumnado durante o proceso de aprendizaxe.
  • O alto grao de motivación e a profundidade na adquisición dos contidos.
  • A espontaneidade, autonomía e coooperación tanto dentro coma fóra da aula.
  • O portfolio como análise sobre a aprendizaxe que evidencia unha reflexión e toma de conciencia sobre como aprendemos.

Se a sociedade actual está a mudar e con ela o alumnado, os retos que debe afrontar a escola deben mudar tamén e dar resposta ás demandas do s.XXI. Crear ambientes estimulantes e desafiantes, para eles como alumnos e alumnas e para nós como docentes, enriquécenos enormemente.

video

viernes, 4 de octubre de 2013

ILUSTRADOS GALEGOS

Fotograma da curtametraxe "A escola das areas"

O século XVIII coñécese como "Século das Luces". Na Galicia daquel entón, os máis destacados pensadores pretenderon ilustrar ou alumear á sociedade anquilosada na tradición e nas maneiras de face e de pensaar propias do Antigo Réxime. Baixo a influencia da razón e a natureza xorde esta etapa, que non podemos considerar doutrina filosófica ou escola de pensamento, senon unha etapa de desenvolvemento ideolóxico e cultural típicamente moderno.

Sobre o Pai Sarmiento xa temos falado e traballado. O seu tratado sobre a Carqueixa inspirounos o traballo de etnobotánica no curso pasado, "O Albarelo de Hixía", para o Premio Atrapando a Memoira da Fundación Vicente Risco. Na aula aproveitamos para potenciar o pensamento crítico a través do visionado de dous videos que vos amosamos de seguido:

O primeiro é unha curtametraxe de Tomás Conde e Virginia Curiá titulado "A escola das Areas". Coa excusa de atopar un remedio contra a variola, recondúcennos hábilmente cara unha reflexión sobre a necesidade do estudo da lingua galega e as metodoloxías de ensino.



Sobre outro dos videos, Joel e Adrián fan mención no seu traballo en Prezi que temos ao final desta entrada. No 1555 xa se redactaran as Ordeanzas de Ribadavia, consideradas como a primeira "denominación de orixe" peninsular e o viño do Ribeiro exportábase a toda Europa, sendo recoñecido e moi apreciado. Pero algo ía a mudar.

O coengo Pedro Antonio Sánchez, escribiralle ao rei Carlos III propoñéndolle que se fixese navegable o Miño ata Ourense, pretendendo recuperar a exportación dos viños do Ribeiro, caldos que non faltaban nas mellores mesas de Inglaterra, España, Flandes ou Italia pero que os Ingleses, xa no s.XVII, comezaran a desviar a súa importación cara a Portugal por motivos políticos (España intervíu na Guerra dos Sete Anos e intentou frear a política expansionista británica por América) e tamén relixiosos.



O traballo en Prezi de Joel e Adrián con algún dato máis sobre os Ilustrados Galegos.

sábado, 28 de septiembre de 2013

PROFESORES INNOVADORES: REFLEXIÓN E ACCIÓN



Un dos factores que máis inflúen na aprendizaxe é sen dúbida a motivación. Estar en disposición de aprender non é doado se non parte dos nosos propios intereses. Non se aprenderá nada que non nos interese ou como dí o doutor Francisco Mora, "so se aprende aquelo que se ama". A conexión entre alumnado e a escola dista de pasar polo seu mellor momento, pero algo está a mudar. 

O pasado fin de semana tiven a sorte de participar en Madrid no curso #profesoresinnovadores na súa 3ª promoción. En total 375 profesores e profesoras cun alto grao de motivación intrínseca, esa que xa traiamos da casa nas nosas mochilas, pero esta motivación resultou ser exponencial grazas á motivación extrínseca conseguida por Montserrat del Pozo e todo o seu equipo. Esa motivación que nos vén de fóra lévanos a que esta escalada metodolóxica sexa un pouco máis doada de facer, porque a facemos en compaña cara un mesmo cume. Un famoso dito africano dí que "se queres chegar rápido camiña só, pero se queres chegar lonxe camiña acompañado". E nesto ando agora mesmo, en plena ascensión ao cume.

Neste primeiro módulo reforcei a idea  da importancia de que todo o claustro de profesores debe "tocar a mesma partirtura" e tamén que "outra escola é posible". Mais ter a meta clara non é suficiente, precísase iniciar o camiño, tocar a primeira tecla. Os grandes retos comezan case sempre con pequenos pasos. Eu xa comezara a tocar pequenas partituras sinxelas, algunhas con grandes desafinos e outras, dende o meu punto de vista, auténticas melodías. Experiencias didácticas, algunhas compartidas no blog e outras aínda anónimas. Sego neste camiño que tenta misturar a emoción, a diversión e o coñecemento. O simple feito de colorear con emoción a nosa metodoloxía contribúe a espertar esa motivación cara á aprendizaxe do alumnado.


Unha das tarefas encomendadas foi poñer en práctica algunha experiencia. Xa tiñamos en marcha o tema do Universo cunhas tarefas planificadas e que completamos cunha Paleta de Intelixencias Múltiples. Os resultados están a ser máxicos.



A EmoCiÓnsen dúbida, é a chave que abre
as portas do cOÑeCemEnTo.




miércoles, 4 de septiembre de 2013

PARADA TÉCNICA: COCIÑANDO IDEAS



Chegou o momento de facer un alto no camiño. Tempo dun mesmo, da familia, de organizar contidos, reflexións e tamén cociñar ideas. As circunstancias persoais fan que non publique no blogue coa frecuencia de cursos anteriores. Non se pode atender moitos frentes ao mesmo tempo, por iso e facendo valer o lema de Ken Garland, "o primeiro é o primeiro", digo un ata pronto.

miércoles, 22 de mayo de 2013

ATRAPANDO A MEMORIA


Fonte da imaxe. enlace

Teño abandonado o blogue, non é unha novidade ¿non si?. Sinceramente, non é por vontade propia senon polas circunstancias profesionais e persoais deste curso. Espero que se normalice a situación canto antes e o blogue recupere a dinámica habitual.

Adico uns momentos para achegarvos un dos traballos que fixemos no curso e que nos servíu para dar continuidade a un proxecto iniciado no curso 2011-2012 sobre etnobotánica. Estivo agardando ao fallo do xurado que finalmente se producíu hoxe.

Non quixera deixar pasar a oportunidade para, en primeiro lugar, felicitar ao IES Francisco Asorey de Cambados polo premio "Atrapando a Memoria" que convoca a Fundación Vicente Risco, cun traballo titulado "O Barrio de San Tomé do Mar".

En segundo lugar, lembrarme de todas as familias e alumnado que colaborou connosco sen as cales o traballo non tería sido posible. Finalmente agradecer moi sinceramente ao grupo de traballo "Risco2013" formado por, José Antonio Babarro, José Carlos González, Janet González, Ángela Graña, Alexia Souto e David Alonso, que adicaron voluntariamente e gratuitamente o seu tempo libre para a elaboración do traballo "O Albarelo de Hixía" sobre a etnobotánica na provincia de Ourense e os dispositivos móbiles e dixitais. Para vós especialmente, moitas grazas!



O documento que ven deseguido é o resultado dun traballo que se desenvolveu ao longo de case tres meses en pequenos momentos, recreos, tardes libres e moitas horas na casa. Estamos satisfeitos do resultado acadado e, sen dúbida, de cara ao ano que ven implementarémolo cunha segunda parte que xa tiñamos en mente pero debido á premura do tempo non puidemos desenvolver coa rigurosidade que desexariamos. Espéranvos por diante 99 páxinas que desexamos sexan do voso agrado.


martes, 23 de abril de 2013

AVALIANDO XEOXOGOS

Rematamos a actividade Xeoxogos cunha experiencia compartida con 5º de Primaria e o alumnado de 1º de ESO. Durante as festas de San José, no mes de marzo, acordamos no departamento incluir como xogos de mesa aqueles elaborados polo alumnado para o PBL. A experiencia resultou ser moi positiva e así o demostrou a avaliación feita polo profesorado como polo alumnado.

Alicia e Paula de 1º explican o seu Cluedo Xeográfico a un grupo de alumnos e alumnas de 5º de Primaria

A posta en común co alumnado deu evidencias de que a través da gamificación podemos adquirir hábitos de traballo amáis dos coñecementos, pero tamén coma mestres, aportounos estratexias motivadoras de cara á consecución dos obexctivos establecidos na programación didáctica dun xeito máis atractivo tanto para o alumnado como para o profesorado.



En cursos pasados desenvolvemos experiencias que non resultaron tan motivadoras, a realización dun "Trivial Xeográfico" ou un "Queres ser Millonario Xeográfico", tal vez porque o plantexamento estaba mal dende o seu inicio. A diferencia entre un e outro proxecto foi precisamente o plantexamento. Mentres que en cursos pasados o xogo era aportado polo profesorado, o que facer, neste curso a proposta foi diferente, plantexouse coa estratexia pedagóxica de resolución de problemas, a idea do que facer. Unha empresa de xoguetes precisa do deseño dun xogo de contido xeográfico. A partir de ahí a imaxinanción comezou a voar, e os resultados foron realmente sorprendentes, tanto no proceso de elaboración como no produto final.

Alberto e Javier nun momento da explicación do seu pulsador manual

Dentro do proceso de avaliación, a máis das rúbricas e a folla de avaliación individual, entregouse unha folla de avaliación ao alumnado de Primaria o cal contribuíu á cualificación final do proxecto.


lunes, 22 de abril de 2013

DÍA DA TERRA 2013

O Día da Terra o lembramos facendo referencia aos grandes problemas aos que nos enfrontamos en materia ambiental no s.XXI. Os alumnos e alumnas de 1º de ESO a través de maquetas e murais deron unha clase maxistral sobre diferentes temas propostos, entre os cales compartimos o Efecto Invernadoiro e a Choiva Ácida. Amáis traballamos a deforestación e aridez, cambio climático, xestión de residuos, contaminación, etc.

Efecto Invernadoiro



Choiva ácida:






martes, 26 de marzo de 2013

XOGANDO COA XEOGRAFÍA: XEOXOGOS

No mes de xaneiro e febreiro adicamos unhas sesións para un PBL de xeografía no nivel de 1º de ESO. Nunha entrada anterior demos conta das primeiras experiencias.

Cunberta do xogo Faite con Europa por un grupo de alumnos/as de 1ºB

Para elo empregamos rutinas de pensamento cooperativo mediante as cales o alumnado fixo unha reflexión sobre a aprendizaxe tradicional da xeografía, as unidades dos libros de texto ou os xogos xeográficos que atopamos en internet.  A aprendizaxe tradicional e a clase maxistral fronte ás novas estratexias pedagóxicas que estamos a aplicar. Tratábase de deseñar un xogo que servise como medio para aprendizaxe da xeografía física e política e que ademais tiña que ser testado polos propios "clientes", neste caso o alumnado do terceiro ciclo de Primaria. A demanda desta actividade foi feita por unha "prestixiosa empresa de xoguetes" de cara á vindeira campaña do Nadal 2013. A cuestión era integrar un xogo, preferentemente, de mesa para reunirnos en familia, ou cos amigos, e que fose un xoguete "estrela", para o cal tiñamos que deseñar o xogo e ter prevista a campaña de marketing para vender o produto.

Fonte da imaxe: enlace
O alumnado estivo organizado en grupos de 4 e algún excepcionalmente de 5 por cuestións meramente matemáticas. Cada un tiña un rol específico, datos, deseño e maquetación, creativo, marketing, etc. Teño que recoñecer que disfrutamos no proceso, especialmente na exposición oral coa escenificación de auténticos anuncios publicitarios onde a creatividade nalgún dos grupos foi altamente xenerosa, espertando aplausos entre todos os presentes. Non deixan de soprender estes cativos cando lle dan renda solta á imaxinación e perden ese medo casi innato e característico da sociedade punitiva na que vivimos: "... esto non vai sair ...", "uf, non o vexo nada claro...", "xa cho dicía eu, sabía que isto ía a acontecer...." ¿entendedes do que vos falo?

Creativa oca xeográfica, con matices, deseñada por un grupo de alumnas de 1ºA

Unha das rutina realizadas foi a reflexión sobre o que tiñan estudado sobre xeografía física-política tanto en cursos pasados coma no actual, que pensaban sobre elo e cal era o seu grao de coñecemento dos contidos que estabamos a tratar. Foi como establecer un auténtico diario de sensacións sobre a apendizaxe. "Non me gusta a xeografía e situar unidades de relevo nun mapa", "pensei que non sería quen de aprender novos estados do mundo e capitais", "a xeografía é a miña asignatura favorita e non me costa estudar as unidades de relevo...", "... cando comezamos a deseñar o xogo intereseime cada vez máis e fixo que aprendese moitas cousas sen darme conta..."

Grupo de almnos Galicien Pursuit

Non me sorprendeu a creatividade dos meus compañeiros os mestres de Primaria. Teñen realizado auténticas actividades motivadoras que despertan un grao máximo de interés no alumnado. Unha das miñas teimas é que na Secundaria non rematemos con esa creatividade e nos deixemos vencer pola ditadura dos dazaséis temas ante a presión do cumprimento da programación baixo a alongada sombra da "calidade" ou da inspección. Non comparto ao 100% esa frase de Sir Ken Robinson que día que a escola mata a creatividade, eu diría que é a burocracia da escola a que mata a creatividade. A escola que eu coñezo tenta potenciala pero por desgraza sucumbimos ao urxente, esquecéndonos do que é realmente importante. Pero esto nos daría para outra entrada. Continuemos.


O proceso en sí foi do máis fructífero, o alumnado traballou ilusionado e as rutinas de pensamento aplicadas contribúen á reflexión sobre o que se ten aprendido, a mellorar o pensamento e a aprendizaxe dos contidos traballados. A toma de decisións para resolver un problema con base xustificada sitúanos fronte á demanda inicial á cal lle temos que dar unha resposta de todas as posibles traballadas no grupo. Aprendemos tamén a decidir e a fundamentar as nosas decisións.

Grupo de alumnos e alumnas que deseñaron o xogo "Faite con Europa"

Queda a parte da avalaiación. Coincidindo coas festas de San José 2013, aproveitamos os momentos para xogos cooperativos para facer a nosa presentación ao alumnado de 5º de Primaria nos dous grupos, o de Manuel e o de Saladina, que ofreceron parte do seu tempo para contrastar a actividade a quen lles agradezo a súa dispoñibilidade ao favorecer esta coordinación vertical da área de Coñecemento do Medio e as Ciencias Sociais. Foron finalmente dúas xornadas das que falarei na vindeira entrada e da que vos adianto este breve video.



domingo, 10 de marzo de 2013

SIMULADOR DE METEORITOS

Recentemente foi noticia e por duplicado a chegada dun meteorito de grandes dimensión ás proximidades da Terra. Adicamos unha sesión para analizar máis en profundidade e reforzar os contidos correspondentes á unidade da Terra no Universo. O asteroirde 2012da14, un descubrimento español, que pasou "rozando" o noso planeta a unha distancia de 27.000 kilómetros segundo informou a NASA e a unha velocidade de 13 Km/sg ao que foi posible facerlle un seguimento visual o pasado 15 de febreiro. Aqueles que vos perdestes o espectáculo, podedes reservar "entrada" para a vindeira sesión, un 15 de febreiro do 2046.

Montaxe propia a partir das seguintes imaxes fonte1 e fonte2


Casualmente, nas mesmas datas impactou un meteorito na localidade rusa de Cheliábinsk, unha cidade de pouco máis de un millón de habitantes a cabalo entre o Ural e a Siberia rusa, que causou certa inquedanza e sensación de inseguridade. A comunidade científica apresurouse a desmentir a relación entre ámbolos meteoritos e a deixar claro que non era este o momento da fin do mundo. Non se estima un impacto de un meteorito de grandes dimensións similar ao que hai uns 3.900 millóns de anos provocou unha serie de consecuencias devastadoras para a vida sobre o planeta.


Fonte da imaxe: enlace


Recentemente pasou outro meteorito preto da Terra, o 2013 UE, segundo informa o canal norteamericano NBC, a unha distancia similar á da Lúa respecto á Terra. Non é que agora teñamos un imán especial que atraer  estes corpos celestes, senon que anosa tecnoloxía permite detectalos antes e mellor. Podedes estar tranquilos. Por outra parte, hai que ter en conta que anualmente impactan conta o planeta meteoritos de pequenas dimensións e outros moitos non chegan á codia terrestre debido a que se desintegran ao contacto coa atmosfera.

Algunha evidencia de que esto é así o recollen os diarios online como por exemplo as seguintes noticias que podemos atopar nestos días na rede:

Un asteroide que pasará preto da Terra este fin de semana. Enlace. Un meteorito do tamaño dun edificio de 35 plantas pasará de largo o sábado a unha distancia de 960.000 Km, lonxe dos 36.000 do que pasou "rozando" a terra. Enlace. Ou esta outra que dí que atoparon recentemente un meteorito de 18 Kg na Antártida. Enlace.

Fonte da imaxe: enlace
Sería interesante, previa á ralización da actividade, establecer claramente a diferencia entre asteroide e meteorito, posteriormente fixemos as nosas simulacións con dúas ferramentas que vos amoso. As áreas de Ciencias e Matemáticas son un complemento ideal para a realización das mesmas, xa que se poden aplicar contidos directamente relacionados coas mesmas.

Unha destas ferramentas que vos presento é Impact Earth. Tras introducir unha serie de variables amósanos as consecuencias do impacto dun meteorito sobre a atmosfera, a superficie terrestre, a profundidade do cráter ou os megatóns liberados. Tende en conta que as bombas de Hiroshima ou Nagasaky tiñan entre 15 e 20 kilotóns. Hai unha entrada anterior no blogue sobre as posibles consecuencias da caída dunha bomba atómica sobre Ourense introducindo vós mesmos as varibles. ¿Que consecuencias tería a caída dun meteorito no mesmo lugar e coas mesmas dimensións que a bomba atómica? Achegade os datos e comparade.



Unha vez introducidas as variables tiramos as nosas conclusións. A expectación que causou lévame a compartir convosco estos enlaces para que na casa e con tempo fagades comparativas e análises coas vosas propias conclusións finais a modo de traballo, a man ou a máquina.



A segunda ferramenta é outro simulador chamado down2earth a cal nos permite comparar crátreres e as consecuencias do impacto dun meteorito coas variables que nós desexemos. Para esta ferramenta pode complementar perfectamente a área de lingua inglesa, xa que na súa páxina ofrece información de interés nesta lingua a cal se pode empregar para ampliar vocabulario e para o reading e writing.



Podedes achegar datos do meteorito que caeu na península de Iucatán e supostamente extinguíu a vida dos dinosaurios sobre a Terra e facer comparativas. O máis relevante é a análise previa, comprender os datos das variables, as diferencias que se poden establecer e tirar conclusións razoadas en base aos datos para que non quede nunha simple anécdota ou xogo. Sen dúbida este tipo de actividades captan o interés do alumnado e permítenos un amplo marxe de manobra para traballar distintos conceptos, traballo cooperativo e pensamento crítico.


video

jueves, 21 de febrero de 2013

IMPERIALISMO E DESCOLONIZACIÓN

Interesante video realizado por Pedro Cruz en Vimeo que amosa como ao longo de algo máis de 200 anos (dende o 1800 ata o 2008) os grandes imperios coloniais: Británico, Español, Portugués e Francés foron perdendo paulatinamente os seus distintos territorios.



ACTIVIDADES:

Anota nos comentarios as respostas ás seguintes cuestións.
  1. Cal foi a primeira colonia en independizarse para cada un dos imperios?
  2. Cal foi última?
  3. En que momento da historia se da un maior proceso de descolonización?
  4. Coinciden no tempo estos procesos para tódolos imperios?
  5. Existen territorios baixo dominio dalgún dos estados citados? Pon exemplos.

miércoles, 20 de febrero de 2013

OS XESUITAS EN OURENSE

Un día 2 de abril de 1767 o rei Carlos III redacta a orde que expulsa aos xesuitas de España (Pragmática Sanción) a cal lle será comunicada ao Papa Clemente XIII días máis tarde.


A que hoxe é a orde relixiosa masculina máis grande do mundo creouse no 1534 en París, é a Compañía de Xesús, fundada por San Ignacio de Loyola e San Francisco Xavier.


Esta orde relixiosa do mesmo xeito que as demáis ordes emiten tres votos (obediencia, pobreza e castidade) e a curiosidade reside no cuarto voto, o "circa missiones", é dicir, obediencia cega ao Papa. Polo tema do Humanismo e Renacemento  xa sabedes que a orde xesuita foi un dos instrumentos de loita contra o protestantismo que empregará a Igrexa católica na Idade Moderna.

A Compañía tamén xogou un importante papel evanxelizador, e neste contexto baséase a película A Misión que próximamente veremos na aula. Tamén na cidade de Ourense temos presencia xesuita e como non, unha historia que contar. ¿Anímaste? Sobre o guión de traballo da cidade como aula aberta, tendes a oportunidade de profundar na historia do edificio e máis da función que desenvolveu, e desenvolve, ao longo dos anos. Un edificio singular que contrasta con todos os que tendes estudado ata o momento.

Fonte da imaxe: enlace

Algunhas consideracións para o visionado:


Obxectivos:

  • Diferenciar o poder espiritual da Igrexa fronte ao poder civil dos estados.
  • Analizar a misión evanxelizadora en América na época colonial.
  • Entender os conflictos socio-políticos das antigas colonias de España e Portugal en Latinoamérica.
  • Analizar a tensión Igrexa-Estado que se reflicte na película.
  • Comprender os acontecementos máis importantes do período, e o impacto colonial sobre a poboación indíxena.
  • Coñecer as causas da aculturación das sociedades que foron conquistadas.
Entregarase un guión individualizado para a análise da película tralo seu visionado e posterior cine-fórum.

martes, 29 de enero de 2013

ABRINDO PORTAS: ALGUNHAS FONTES




Estou a recibir os traballos do meu alumnado para o proxecto Abrindo Portas no que integramos o coñecemento do noso patrimonio co currículo de 2º ESO nun #PBL. Concretamente a parte correspondente a medieval no que integramos as TIC mediante aplicacións para móbiles de Realidade Aumentada e códigos QR. Fixamos como data tope o pasado 26 de xaneiro para esta primeira fase de recollida de datos e documentación. Agora faremos unha revisión do material recompilado e continuaremos cun proxecto que se xestou alá polo mes de maio de 2012 e que a pesar das dificultades estanse a ver os primeiros froitos. O feito de materializar as ideas danos pulos para seguir cara adiante con ánimo. Estamos á espera de buscar o soporte apropiado para despois expoñer as nosas reflexións e traballos no blog colaborativo.



Presento algunha das fontes que estamos a utilizar e que son ben coñecidas de todos nós pero que vos poden  ser de interés aos que de cando en vez vos deixades caer por esta aula virtual. Para os de fóra de Ourense igual vos sirve de inspiración para crear espazos similares que axuden non só a difundir a vosa cidade senon tamén que sexa un referente para os vosos estudantes xa que permite un maior coñecemento da historia local.





Pouco podo dicir xa, qu enon teña dito, deste espazo ideado por Manolo Domínguez. Un referente para o noso traballo e sen dúbida o apartado "Memoria de Ourense" coa evolución da cidade en flash é realmente útil para o noso traballo. O alumnado ten unha fonte de inspiración e pode aprender os cambios significativos que se teñen producido na cidade ao longo da historia. Para o noso nivel, é máis do que podemos pedir.




Rafa Salgado é un vello coñecido de todos nós. O curso pasado fixo unha visita ao Colexio para dar a coñecer o traballo que está a realizar entre o alumnado de ESO. A miña intención non tivo os resultados esperados, non pola magnífica exposicón que fixo Rafa, senon polos resultados acadados quedaron lonxe dos obxectivos desexados. As foptografías aportadas non tiñan valor histórico aínda que sí sentimental sen dúbida. Non quixera desistir de buscar a forma de que as familias poidan colaborar con este blog, estou convencido que moitas imaxes da nosa cidade aínda inéditas seguen agochadas nalgún caixón ao album de fotos familiar. Un blogue que o vindeiro 12 de marzo cumplirá 5 anos, para non esquecer. Nela podemos atopar datos de interés para algúns dos nosos traballos. Non tentedes atopar fotos da época medieval, a historia da fotografía vai camiño dos 175 anos, lonxe aínda dos séculos altomedievais nos que estamos inmersos.




Este é o blog de Carlos Paz que nos está a aportar unha visión actual e real, grazas aos seus renderizados, da arquitectura tristemente desaparecida da cidade. Tiven a sorte de desvirtualizalo recentemente. Dun xeito desinteresado colaborará co noso proxecto aportando unha reconstrución da Porta da Aira, da única da que conservamos imaxes. A medida que vaia incorporando máis entradas daranos unha visión do que foi o Ourense no XIX. Este sería un proxecto interesante para que as institucións se fixasen nel, poder contar cunha reconstrucción 3D da cidade sería un soño ao noso alcance.

Remato a entrada de hoxe cun pequeno traballo que me envía Rita, de 2º B, sobre a Porta da Aira en Goanimate. Espero que vos guste.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER