viernes, 11 de enero de 2013

PRÓXIMAS PARADAS: ABRINDO PORTAS




Benvidos de novo ao blogue e feliz 2013. Atrás quedaron días de descanso para voltar con pulos renovados a este novo tramo do curso. A piques de rematar esta primeira semana de volta ao traballo, quixera adiantar na entrada de hoxe o que serán as nosas vindeiras paradas. Os proxectos que temos en marcha terán o seu protagonismo, pero comparto hoxe para que as coñezades todos aqueles que nos seguides.

ABRINDO PORTAS: OS INICIOS

Hai varios anos que traballamos sobre o coñecemento da nosa historia ourensana integrándoa curricularmente en tódalas etapas educativas, así o recollemos como obxectivo específico do noso seminario.



No curso pasado, influido polas redes sociais -Twitter especialmente-, e ante a marea de proxectos que hai na rede, tentei de expandir e dar a coñecer o proxecto que estabamos a desenvolver nas Josefinas. Integrar o coñecemento do local para chegar ao global entre a comunidade educativa da cidade de Ourense co fin de establecer vínculos de colaboración intercentros na procura dun obxectivo común. A realización dun proxecto colaborativo que nos premitise o contacto persoal foi o que me levou a tentar desenvolver este proxecto dentro do ámbito urbán. O feito mesmo do contacto persoal, a cercanía, suporía ese plus sobre outros interesantes proxectos colaborativos que otopei na rede e nos que me vin máis que tentado a colaborar. Dentro desta concepción recollida nos obxectivos do departamento, a cidade de Ourense cobra un especial protagonismo como unha grande aula aberta á nosa disposición e sobre ela puxémonos a traballar en conxunto.

Foto: José Luis Guede

Os primeiros contactos trouxeron a resposta positiva dun amigo e compañeiro do colexio Marista Santa María, Fernando Ampudia. Un veterano profesor coa ilusión dun principiante, metido en mil batallas e que aportou ideas brilantes que enriqueceron o proxecto inicial. Nos momentos nos que asaltaban as dúbidas reconduxo a situación para que tivese continuidade e non morrese no intento. As primeiras reunións informais mantidas foron un fructífero "brainstorming" do que xurdiron numerosas ideas que se plasmaron nun borrador inicial compartido na actualidade en Google Drive e sobre o que estamos a traballar. A partir dese momento, alá polo mes de xuño, comezamos a levar a cabo unha serie de reunións para involucrar a un maior número de profesores e profesoras. O título do proxecto é "Abrindo Portas". Desexamos abrir as portas dos centros porque non somos illas e abrir tamén as portas dos nosos resultados e experiencias a este gran claustro que é a rede.

Borrador inicial da portada do Proxecto Abrindo Portas

Nesta volta das vacacións xa estamos a  iniciar actividades concretas. O #ABP no que nós concretamente estamos xa a traballar está relacionado coa parte medieval da cidade integrando códigos QR e Realidade Aumentada. A creación dun blogue colaborativo para o proxecto onde contaremos as nosas experiencias tamén está en marcha. Espérannos múltiples traballos que nos sorprenderán, todos eles integrarán un ambicioso proxecto que sen dúbida terá impacto no cidade de cara ao futuro.

Pes, Iain Blake

Manterémosvos informados a medida que vaiamos rematando as diferentes experiencias pedagóxicas e darémolas a coñecer, contando en detalle todo o proceso dende os inicios ata a avaliación final e as conclusións obtidas.






0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER