lunes, 26 de mayo de 2014

ENCONTROS CON... MIGUEL ÁNGEL GONZÁLEZ GARCÍA - CANÓNIGO DA CATEDRAL -

O pasado mércores 21 de maio desprazámonos á S.I. Catedral de Ourense para ter un encontro con Miguel Ángel González García, canónigo arquiveiro diocesano. Entre outros, dirixe tamén o prestixioso grupo de investigación da arte en Ourense, "Francisco de Moure", quen ao longo de 30 anos ven investigando e difundido o patrimonio artístico da provincia para expertos pero tamén para todos aqueles amantes da historia e a arte.

Momento da entrevista no altar maior. Foto: José L. Guede

"Encontros con" é un proxecto que trata de achegar a persoeiros relevantes en relación co patrimonio local ao noso alumnado e poñer esta información ao seu nivel para que acabe convertíndose en coñecemento. O tratamento didáctico do patrimonio que realizamos está encamiñado non só a coñecer a nosa historia senon tamén a espertar a curiosidade do alumnado dende a súa realidade máis próxima, facelos partícipes da mesma e ter moi en conta o seu pensamento crítico, a creatividade e as posibles solucións que plantexan ante retos concretos.

A historia medieval de Ourense é moi rica e penso que moi descoñecida pola cidadanía en xeral. Un destes retos que perseguimos vai máis alá do estrictamente curricular. Como comentei anteriormente, é baixarse ao nivel dos nenos porque tamén o será dos adultos non iniciados. Queremos tamén reflexionar sobre as propostas que ofrecen, por regla xeral os museos, salas de exposicións, monumentos, xacementos arqueolóxicos e diversos lugares que constrúen un tipo de información pasiva sen que chegue a espertar a emoción do visitante, resultando pouco atractiva e na que a interacción é practicamente inexistente.

A través desta experiencia, engadida ao proxecto "Abrindo Portas", achegamos a realidade patrimonial ao alumnado na que eles son partícipes e constructores do seu propio coñecemento.

A entrevista con Miguel Ángel González descubriunos datos interesantes da Catedral, do papel central que xogou na historia da cidade, o rol dos bispos como señores da cidade, amáis de coñecer a importancia que teñen os arquivos na conservación e difusión da memoria histórica dos pobos.

Tamén decatámonos da gran riqueza patrimonial (en arte románico principalmente) coa que conta a provincia, a segunda de España tras Palencia aunque, digo eu, se lle engadimos o patrimonio natural ben seguro encabezariamos esta clasificación ¿non si?

Video da entrevista na que o audio non é da calidade que desexariamos, pero eso son matices técnicos nos que teremos que seguir mellorando.




As cidades designan a aqueles centros administrativos romanos nos que se estableceron as dióceses. Na actualidade a de Ourense conta de 735 parroquias cun rico valor patrimonial na meirande parte delas, o que fai complicado a conservación debido á crecente despoboación que sufre o rural. Este tipo de organización eclesiástica que foron as dióceses, non sufríu modificacións na época das invasións xermánicas e xa a partir do s.VI as "civitas" asócianse a cidades episcopais.

S.I. Catedral de Ourense. Foto: Jean Dieuzaide (fonte)

Na Idade Media "civitas" e "catedral" van estreitamente unidas, non como obra de arte en sí mesma senon polo espazo que ocupa e a influencia que exerce na propia trama urbana e na poboación, sendo no caso particular que nos ocupa un dos símbolos do poder señorial de Ourense xunto co Pazo do Bispo e o Castelo Ramiro.

A historia da diócese de Ourense podería comezar coa cita que fai o bispo Idacio no s.V, quen na súa obra Chronicon, menciona aos "Auregenses", voz próxima a "aurienses". Esa primeira comunidade de cristiáns asentados en Ourense, sería probablemente o xerme desa diócese que se confirmou documentalmente no Concilio de Braga (carao 572) sendo bispo Witimiro xa no s.VI. En relación a esta suposta orixe, é citada polo noso protagonista quen desexaría unha intervención arqueolóxica no ábside da catedral o que ben puidera sacar á luz restos primitivos da edificación orixinal suévica.

A catedral actual de estilo románico de transición, con influencias cistercienses e compostelás como templo de peregrinación, remóntase ao ano 1188 segundo a acta de consagración do altar maior. Sobre ela traballamos na aula e temos pendente unha visita que realizaremos en datas próximas.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER