domingo, 18 de mayo de 2014

VISITA AO MAPO


O pasado venres 16 de maio o alumnado de 2º de ESO acudíu ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense como parte das actividades complementarias contempladas no proxecto "Abrindo Portas" e que ademais coincidíu coas actividades que celebraba o museo debido á conmemoración do Día Internacional dos Museos (DIM). Este día vense celebrando dende a súa aprobación no ano 1977 e que este ano ten como lema: "Museos: As coleccións crean conexións."

Acompañados por un técnico do museo que nos guiou ao longo dunha hora polas instalacións, os alumnos e alumnas percorreron as distintas estancias deste edifico emblemático da historia de Ourense. Asentado sobre os restos romanos do praesidium do s. I d.C., a súa historia comeza no 1131 cando o bispo Diego Velasco funda o edificio románico, segundo evidencia o lintel fundacional, antiguamente na porta exterior do edificio na rúa dos Brancos (Hernán Cortés) e trasladada a este emprazamento por orde de Jesús Ferro Couselo.

Dintel fundacional MAPO. Foto: José L. Guede
Imaxe José L. Guede
O texto di:

ERA: M : C : LXVIIII : ETQT : IIII : NS : 
NB : D : II) : AVRIENSVM : AEPS:

"Era millesima centesima sexagesima nona et quoto quarto Nonas
Novembris. Didacus Secundus Auriensum aepiscopus."

"Na era 1169 (ano 1131), sendo o día cuarto das nonas de novembro (2 de novembro) Diego Segundo (Diego Velasco), bispo dos ourensáns."


Descubrimos que a era hispánica foi a forma de computar os anos en Hispania dende o 38 a.C., por orde do emperador Octavio Augusto ata que foi suprimido na coroa de Castela no 1383 reinando Juan I de Castela. Por iste motivo temos que restar 38 anos á data que aparece na inscrición.

A partir dese momento e ata a actualidade o Pazo Episcopal, que foi adquirido no ano 1951 para sé do Museo, sufriu numerosas ampliacións e modificacións que tivemos oportunidade de ver nun video. Un excelente traballo de reconstrucción 3D realizado en base aos resultados que aportaron as escavacións arqueolóxicas realizadas ata o momento e que comparto novamente.



Algunhas imaxes da nosa visita.

Para ver máis fotos: VISITA AO M.A.P.O. en PhotoPeach.

Clica no enlace ou sobre a imaxe.

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER