OURENSE: SAFARI FOTOGRÁFICO II

Intentarei, mentras traballemos co proxecto da cidade, que todos luns teñan unha entrada adicada ao Safari Fotográfico. A imaxe de hoxe non é aleatoria. Xa apareceu na entrada sobre o campo da forca e ademáis o meu compañeiro Antonio está a traballar con ela en relación ao tema de España, Galicia e Ourense no XIX. Ista é a razón para seleccionar esta e non outra xa que nos sirve para traballar en diferentes niveis.

Neste lugar emprazouse a primeira central térmica da cidade que aparece na imaxe e tendes, algúns de vos,  un traballo de investigación e relación sobre "A Molinera" e esta imaxe.

Fábrica de electricidade dos Remedios de Francisco Conde Valvís (1895-1909)
Esta fábrica foi propiedade de Don Fancisco Conde Balvís, un empresario nado no 1860 en Valverde de Allariz e que desexou modernizar Ourense traendo a luz eléctrica, sendo a nosa cidade primeira de Galicia en contar con alumeado público por electricidade. Manuel Malingre, concelleiro en Ourense, aposta por traer a luz eléctrica ás rúas da cidade. Nun primeiro momento encargóuselle o traballo a Don José Vidal Porto no 1889 pero un ano máis tarde pasou a Conde Valvís. Non sería ata un 14 de xuño de 1895 segundo Vicente Risco cando Ourense viu por uns momentos a iluminación pública eléctrica.

Existe unha curiosidade que relaciona a Don Francisco Conde Balvís co noso Colexio. Don Francisco mercou a Don Santiago Saenz no 1907 a súa antiga fábrica de curtidos e que Conde Balvís convertirá en vivendas e tamén oficinas da súa empresa. Lembrade que as Siervas de San José chegaron procedentes Trives no 1934 e nun primeiro momento instaláronse na rúa Padre Feijoo. No 1940 adquirirán a Conde Balvís o edificio que sufrirá varias remodelacións ata acadar o que hoxe en día é. As últimas reformas corresponden ás obras de adaptación á ESO e de remodelación do patio no 1995.

Comentarios