AS VIAXES DO CAPITÁN GARDADOR




O vindeiro 17 de decembro, ás 20.00 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense terá lugar a presentación dunha curtametraxe realizada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Trátase da primeira achega dunha serie de vídeos de curta duración (aprox. 7-8 minutos) pensados para dar a coñecer dun xeito ameno ao gran público a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do noso pasado. Unha vez presentado, o vídeo poderase ver en Youtube ou na páxina de Facebook do Arquivo Histórico Provincial.


Nestes vídeos, unha personaxe debuxada nun documento notarial do ano 1774, o "capitán gardador" Xan de Baldriz, guiaranos por diferentes momentos da Historia de Galicia. A pantasma deste capitán, como unha sombra que percorre o labirinto da memoria, vaga polo Arquivo Histórico Provincial gardando con agarimo os seus pergamiños e papeis centenarios. Silente e invisible durante séculos, Xan de Baldriz decide saír da penumbra na que habita para convidarnos a viaxar a través do tempo sucando un mar de documentos. A partir da información que repousa nos fondos documentais do Arquivo, o capitán Baldriz convértenos en espectadores da vida cotiá das sociedades do pasado, xa sexa do mundo rural de monxes, fidalgos e campesiños ou das rúas do Ourense de finais do século XIX.

Esta curtametraxe descubre como a consulta de calquera dos milleiros de documentos conservados no Arquivo Histórico Provincial nos pode abrir unha fiestra ao pasado para viaxar nunha "máquina do tempo" pilotada polo aventureiro que teña a audacia de internarse no labirinto da memoria. En definitiva, da man do "capitán gardador" poderanse valorar as posibilidades que ofrece o patrimonio documental, non só como unha fonte para a investigación histórica, senón como como aventura ao alcance de todos, como unha viaxe ao pasado a través de documentos de distintas épocas.

Comentarios